O Centro Cultural Recreativo da parroquia de Quintela inaugurou recentemente un novo soportal cuberto na entrada das súas instalacións. Con esta mellora, o centro ofrece agora un espazo adicional que protege ás persoas usuarias das inclemencias do tempo, tanto do sol como da chuvia. A estrutura está composta por panel sándwich e soportes de aceiro, cunha superficie total de 56 metros cadrados. Esta obra foi posible grazas aos fondos dos Orzamentos Participativos destinados ás parroquias, sendo seleccionada polo Consello Parroquial de Quintela. O custo da intervención foi de 14.852 euros.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto cos concelleiros Pedro Villaverde e Alberto Álvarez, visitaron o centro acompañados da directiva do Centro Cultural de Quintela para ver o resultado das obras. Tanto os responsables locais como os representantes veciñais expresaron a súa satisfacción coa intervención, que proporciona ao centro “un espazo novo, protexido do sol e da chuvia, mellorando a comodidade para a veciñanza e permitindo tamén a realización de actividades ao aire libre baixo o soportal”.
O Centro Cultural de Quintela, inaugurado en 2023, é o epicentro da vida cultural e social da parroquia, funcionando como lugar de encontro para a comunidade. Tamén se renovou o parque infantil, que agora inclúe un espazo biosaudable. A intervención permitiu transformar unha zona pouco aproveitada nun espazo máis agradable e accesible, creando un novo punto de encontro para as actividades da veciñanza.