O colectivo Redondela por Palestina en colaboración co Concello de Redondela, Sinha Paca e o Colectivo Republicano de Redondela puxo en marcha unha emotiva e poderosa iniciativa solidaria co pobo palestino, que está a sufrir as terribles consecuencias dunha situación de violencia e xenocidio. Co nome de Intifada Postal, o colectivo habilitou un buzón no Multiusos da Xunqueira onde os nenos e nenas poden depositar as súas cartas con desexos de paz e boas intencións para o pobo palestino. A acción busca dar voz aos máis pequenos e pequenas, que desde a súa inocencia queren transmitir un mensaxe de solidariedade e esperanza nun contexto tan difícil.
Esta idea naceu dunha nena de tan só 6 anos, que contactou co colectivo para propoñerlles recoller cartas de nenos e nenas pedindo a fin da guerra en Palestina. O colectivo, sensibilizado polo seu espírito e preocupación, decidiu poñer en marcha esta campaña para materializar o desexo dunha nena e tamén de moitos outros pequenos que queren que se poida lograr a paz.
O buzón estará dispoñible para todos aqueles que queiran participar nesta acción solidaria durante todo o Nadal. A intención é que todas as cartas recollidas sexan entregadas á Moncloa para que as autoridades teñan constancia do clamor popular, especialmente das novas xeracións, en favor da paz e contra a violencia.
Con esta acción, o colectivo Redondela por Palestina non só quere visibilizar a loita do pobo palestino, senón tamén destacar a importancia de escoitar a voz das novas xeracións, que sen dúbida están comprometidas con un futuro máis xusto e pacífico para todos.