Antonio Martínez Vázquez, dono da colección
A exposición de xoguetes dos anos 70 e 80, organizada polo Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy en colaboración co Concello, tiña previsto permanecer aberta no Multiusos da Xunqueira ata o 7 de xaneiro. Porén, a organización anunciou a súa cancelación tras o furto de varias pezas da colección cedida por Antonio Martínez Vázquez.
Desde o Obradoiro lamentaron profundamente o ocorrido. A exposición estaba a gozar dunha “gran aceptación entre pequenos e maiores”, e destacaron o “desgusto” sufrido polo coleccionista, quen confiou os seus valiosos xoguetes para o evento. Antonio Martínez, presidente do Obradoiro, explicou que foi el mesmo quen detectou a falta das pezas: “Non había ninguén vixilando nin na recepción”, comentou. Martínez sospeita que o roubo foi planificado, xa que, ademais das pezas, o ladrón levou as caixas de almacenamento, o que apunta a unha posible intención de vendelas.
Tanto a Concelleira de Cultura, Rita Pérez, como Antonio Martínez presentaron denuncias ante as comandancias da Policía Local e Nacional. As autoridades recomendaron estar atentos a anuncios en páxinas web de compravenda onde poderían aparecer os obxectos subtraídos.
Entre as pezas roubadas destacan:
- Dodge Dart de fricción a escala, do fabricante Rico, en perfecto estado e na súa caixa orixinal.
- Taxi Mercedes de fricción, do fabricante portugués Plásticos Pe-Pe, tamén en estado impecable e coa súa caixa orixinal.
- Citroën SM “Tour de Francia”, do fabricante Guisval, unha peza xogada pero cun grande valor sentimental ao pertencer ao pai do coleccionista.
“Máis aló do valor económico das pezas, o que realmente importa é o seu enorme valor emocional”, subliñou Antonio.
Desde o Obradoiro sinalaron que cunha mellor seguridade, este lamentable suceso podería terse evitado.
Os organizadores están a avaliar os danos causados polo roubo e estudan maneiras de compensar ao coleccionista. A exposición incluía obxectos de marcas tan emblemáticas como Telesketch, Exin, Famosa e Tenche, cunha gran importancia para o mundo do coleccionismo.