Foto da Federación Galega de Balonmán reunida xa en Cataluña
Arranca hoxe en Cataluña o Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA 2025), un dos eventos máis importantes do balonmán a nivel estatal, que se celebrará do 3 ao 8 de xaneiro. Este ano, Galicia estará representada por unha ampla selección de deportistas e técnicos, entre os que destaca a notable presenza de nenas e nenos de Redondela.
A forte tradición e canteira do balonmán redondelán reflíctense na participación de xogadores e adestradores vinculados aos clubs SAR e BM Chapela, así como á entidade As Choqueiras. Entre as deportistas que competirán baixo a bandeira galega atópanse Noa Portela e Candela Martínez (SAR), integrantes do equipo cadete feminino, xunto a Adriana Bouzón (As Choqueiras).
No infantil feminino, as xogadoras Daniela Fernández, Daniela Míguez, Daniela Figueroa, e Karla Fernández, todas da SAR, xunto a Ángela Sánchez (BM Chapela), defenderán as cores galegas. No cadete masculino, Lois Alonso, Óscar González, e Nicolás Alonso (todos do BM Chapela) serán os representantes de Redondela. A categoría xuvenil feminino contará coa participación de Alba Pérez e Julia González, tamén da SAR.
Non só os deportistas estarán presentes. Entre o equipo técnico destacan Carla Abad como adestradora e Nerea Bouzón como delegada do equipo cadete masculino, ambas tamén vinculadas ao balonmán redondelán.
O concelleiro de Deportes de Redondela, Iván Valles, subliñou o traballo incansable dos clubs e colexios locais: «O excelente labor coa canteira queda demostrado ao ver a cantidade e calidade de xogadores e técnicos de Redondela presentes nun evento de tal relevancia».
Para quen desexe seguir os partidos, os enfrontamentos das distintas categorías poderán verse a través dos seguintes enlaces:
Infantil feminino:
Cadete feminino:
Cadete masculino:
Xuvenil feminino:
Todos os encontros poderán seguirse tamén a través do canal de YouTube da RFEBM.
Unha vez máis, Redondela reivindica o seu papel central no balonmán galego e estatal, coa seguridade de que os seus representantes seguirán deixando pegada nesta disciplina.