Cabalgata estática de 2021
As tradicionais cabalgatas de Reis de Redondela e Chapela, que cada ano enchen de maxia as rúas das localidades, terán este 5 de xaneiro unha edición adaptada ás inclemencias meteorolóxicas. A alerta amarela pola chegada de choivas e fortes ventos obrigará a modificar o formato das celebracións para garantir a seguridade de todos.
En Redondela, a cabalgata, que habitualmente percorre as principais rúas da vila, terá este ano un formato estático. A actividade trasladarase ao Pavillón Municipal da Marisma a partir das 17:00 h, onde os Reis Magos poderán saudar aos nenos e nenas de forma segura, sen perder a esencia festiva do evento. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que este cambio é consecuencia da Alerta Amarela emitida pola Axencia Meteorolóxica e subliña que “desde o Concello non queren arriscar a seguridade de ninguén. A pesar da complicación que supoñen estes axustes, o máis importante é manter a ilusión dos nenos e nenas. Será unha cabalgata diferente, pero igualmente máxica.”
Entre as sorpresas previstas, destaca a actuación da Rondalla de Ventosela, que animará a tarde de 17:15 a 18:00 h, e a participación da Coca Simona co seu pasarrúas adaptado ao novo entorno do pavillón, de 18:15 a 19:30 h. A xornada pecharase cun flashmob protagonizado polos pequenos que estaban apuntados para desfilar nas carrozas cos Magos de Oriente. Os caramelos repartiranse por turnos, seguindo un sistema semellante ao utilizado durante a pandemia, para garantir a seguridade e o distanciamento. “Queriamos facer algo especial, e aínda que non poidan subir ás carrozas e desfilar, atopamos unha maneira de que poidan disfrutar dese día ao máximo”, engade a alcaldesa.
Ademais, de 17:30 a 20:30 h, o tren turístico de Nadal ofrecerá un servizo gratuíto para que, durante toda a xornada, calquera que o desexe poida percorrer a vila e disfrutar das luces de Nadal de maneira cómoda e segura. Este orixinal medio de transporte conta con teito cuberto e ventás de cristal, garantindo que os pasaxeiros poidan gozar da experiencia sen verse afectados polas inclemencias do tempo.
Neste evento tan importante do Nadal tamén se terá en conta a inclusión, coa presenza dunha intérprete de lingua de signos para garantir que todos os nenos e nenas, sen excepción, poidan achegar os seus desexos aos Reis Magos. A alcaldesa destacou a importancia de promover a inclusión non só nas datas sinaladas, senón ao longo de todo o ano, reafirmando o compromiso do concello con este obxectivo.
Pola súa banda, en Chapela, a cabalgata organizada polo Círculo Cultural Recreativo tamén condicionada polas inclemencias do tempo celebrarase nas súas instalacións ás 18h, onde terá lugar a recepción oficial dos Reis Magos.
Aínda que con algúns axustes, os veciños e veciñas de Redondela e Chapela poderán gozar das festividades do Día de Reis. O 6 de xaneiro, ademais das cabalgatas, Redondela celebrará un dos días máis especiais do ano, con as tradicionais Rondallas e Ranchos de Reis, que tamén se adaptarán ás condicións meteorolóxicas para asegurar que a xornada transcorra con toda a ilusión. A organización agardará para anunciar se a localización cambia debido ao tempo, ou se as actividades se realizarán nos soportais do Concello e na Praza do Concello, como é costume.