O II Torneo Beretiño, organizado polo club Campito Chapela FS e coa colaboración do Concello de Redondela, tivo lugar do 2 ao 5 de xaneiro no Pavillón Municipal Manuel González Soto e estivo dirixido a categorías base ata cadete. Contou con 39 equipos de 16 clubs de toda a comarca, superando a participación de anos anteriores e achegándose a cifra de 400 cativos e cativas competindo.
O principal obxectivo do torneo, segundo o Presidente do club José Cardoso, era “facilitar a conciliación familiar durante as festividades, dar a coñecer o club e promover a práctica deportiva entre os máis pequenos”. Ademais, buscábase superar a participación acadada o ano anterior, propósito que tamén foi máis que cumprido. As categorías que participaron foron biberón, benxamín, prebenxamín, alevín, infantil e cadete, esta última sendo unha novidade que se introduciu para ampliar o alcance do evento. “Superamos todas as previsións, dobrando o número de clubs do ano pasado, cando se presentaron 8 clubs”, explicou o presidente. Ademais, aumentouse a duración do evento, pasando a ser de 4 días, o que tamén foi posible grazas á inclusión da categoría cadete.
No torneo participaron clubs de localidades como Beade, Pazos de Borbén ou Redondela, e como novidade, tamén se sumaron clubs de Santiago, Vilagarcía e A Estrada. “Un orgullo para o club, tendo en conta que veñen de tan lonxe”, destacou o presidente.
Os partidos celebráronse de 10:00 a 20:00 horas todos os días e o 5 de xaneiro a xornada estivo dedicada aos Cadetes. Cada partido consistiu en dous tempos de 13 minutos corridos. Para fomentar a participación de clubs fóra da comarca, garantíronse un mínimo de tres partidos por equipo. “Axustar o horario foi o máis complexo debido ao alto interese, pero queríamos asegurar que todos os equipos xogaran, especialmente tendo en conta que veñen clubs de outras provincias”, explicou Cardoso. Tamén destacou que comparten o pavillón con clubs de outras disciplinas deportivas, que tamén teñen dereito a utilizar o espazo.
Todos os participantes recibiron medallas, e os mellores clasificados foron premiados con trofeos. Por categoría os gañadores foron:
- Biberón: Primeiro posto o Pazos FS e segundo o Campito FS.
- Prebenxamín: 1º Pazos FS A e 2º Poio FS.
- Benxamín: 1º Campito FS, 2º Pazos FS e 3º Parla.
- Alevín: 1º Cios Vigo, 2º Campito FS B e 3º Redondela FS.
- Infantil: 1º Cios Vigo B e 2º Salnés.
- Cadete: 1º Rayo Azul, 2º Campito FS A e 3º Beade.
Ademais, a cantina estivo aberta durante todo o evento, ofrecendo bocadillos quentes co obxectivo de recadar fondos para o Campito Chapela FS. A organización do evento supuxo un esforzo enorme, e o presidente resalta que, “sendo un club pequeno, traballamos moito para facelo posible”. Mención especial fixo a Ana, Atenea e María José, a quen considera como pilares fundamentais e traballadoras incansables.
O torneo desenvolveuse sen incidentes nin lesións, e os clubs de fóra eloxiaron a organización. Gracias á boa resposta de público e participantes teñen pensado facer a terceira edición para o ano, “sempre tentando mellorar e centrados no bo ambiente e a deportividade”, remata José Cardoso.