A pasada fin de semana deixou varios sucesos destacados en Redondela, con intervencións policiais e accidentes de tráfico que mobilizaron ás autoridades.
Detención por drogas e resistencia á autoridade
Na madrugada do venres, un operativo conxunto entre a Policía Local de Redondela e o grupo GOR da Policía Nacional realizou o rexistro dun establecemento no que se detivo a unha persoa por un presunto delito contra a saúde pública. Segundo informaron fontes oficiais, o detido intentou desfacerse das sustancias estupefacientes que portaba encerrándose nun baño e ofrecendo resistencia no momento da detención.
Ademais, redactáronse varias actas a clientes do establecemento por tenza e posesión de drogas e por tolerancia ao consumo, que serán remitidas á Subdelegación do Goberno.
Accidente en Cedeira con alcoholemias positivas
Na mesma madrugada, a Policía Local foi alertada polo 112 Galicia dun accidente en Cedeira, onde un vehículo saíu da vía. O condutor, tras someterse á proba de alcoholemia, arroxou un resultado positivo de 0,70 mg/l, sendo investigado por un presunto delito contra a seguridade viaria.
No mesmo punto, outro condutor que acudira en axuda do accidentado foi sancionado administrativamente ao dar positivo nas probas de alcoholemia.
Atropelo dunha menor en Trasmañó
O sábado pola mañá, pouco antes das 11:50, unha menor de 15 anos resultou ferida leve tras ser atropelada mentres circulaba en bicicleta na N-552, preto da rotonda de acceso á AP-9, en Cabanas, na parroquia de Trasmañó. A Garda Civil acudiu ao lugar e realizou a proba de alcoholemia á condutora do turismo implicado, cuxo resultado foi negativo.
A adolescente sufriu feridas leves a causa do impacto, sen que a priori presentasen gravidade.