Soutomaior puxo o broche de ouro ás festas de Nadal mantendo a súa emblemática Cabalgata de Reis, adaptándose ás inclemencias do tempo pero sen renunciar á maxia e á tradición. Tras unha reunión na mañá do 5 de xaneiro entre o alcalde, Manu Lourenzo, e as Súas Maxestades Reais, decidiuse manter o evento programado para esa tarde ás 18:00 horas, cun percorrido lixeiramente reducido e axustado para aproveitar o intervalo de menor risco de choiva.
A Casa da Cultura Rexina Míguez Noval acolleu ás Súas Maxestades, que escoitaron con atención as peticións das nenas e nenos máis pequenos do concello.
Pola tarde, a Cabalgata partiu do Cruce de Pierres, destacando polo seu universo cheo de fantasía e cor. As Súas Maxestades estiveron acompañadas por estrelas, astros, Elfos e personaxes do clásico de Disney Aladín. Durante o desfile, repartíronse máis de 300 kg de caramelos sen glute, garantindo que a celebración fose inclusiva para todos. O percorrido incluíu un tramo silencioso, pensado para que todas as persoas puidesen gozar dun momento máis tranquilo e especial. Este tramo, sen música, iniciouse na saída do Cruce de Pierres.
A Cabalgata rematou na Carpa de Nadal en Talo Río, onde os máis pequenos puideron conversar cos Reis, sacarse fotos e disfrutar dunha gran Recepción Real acompañada de música.
Dende o Concello de Soutomaior, trasladouse un especial agradecemento a todas as persoas e entidades que fixeron posible o evento: “Queremos agradecer, unha vez máis, a todas as persoas que formaron parte da nosa Cabalgata: a comparsa de Miúdos e a Moreira a Tope, ao Bando de Reis de Arcade De Riba organizado pola Asociación Veciñal Pozovello, a comparsa Luces de Tomiño, a Policía Local, a Protección Civil e, como non, ás Súas Maxestades por facer unha fermosa parada no concello”.
O día 6 de xaneiro, o Bando de Reis de Arcade de Riba puxo o peche ao Nadal en Soutomaior cunha visita a varios barrios do municipio, mantendo viva a esencia desta festividade. Un final perfecto para unhas festas marcadas pola ilusión e a tradición.