A Rondalla da Asociación Cultural e Deportiva A Miñoteira de Ventosela, integrada por persoas de todas as parroquias do municipio, conta con máis de 80 membros e foi reactivada despois de dúas décadas de inactividade. Hoxe en día é a única rondalla en Redondela e, neste Nadal, presentouse cun novo proxecto que busca revitalizar a tradición e ofrecer unha alternativa de lecer saudable para toda a familia.
En 2003, A Rondalla de Ventosela gardou as gaitas, pandeiretas e charrascos á espera dun tempo mellor que chegou 20 anos despois. A idea de recuperar a rondalla foi impulsada por Manuel Campo, sobriño do director, que insistiu na necesidade de reiniciar este proxecto musical no municipio. Con gran ilusión, conseguiu convencer a Jose Campo para volver asumir a dirección. En Redondela, chegou a haber catro rondallas (Cedeira, Vilar de Infesta, Saxamonde e Ventosela) e un rancho de Reis en A Peneda, pero todas desapareceron agás o rancho. Agora, coa recuperación da de Ventosela, a tradición musical renace no municipio, sendo esta a única activa.
Ao redor de 80 persoas ensaian cada sábado no escenario xunto ao centro A Miñoteira, dirixidos por Campo. As rondallas son moito máis que agrupacións musicais: son auténticos gardiáns da tradición e divulgadores da música popular, xogando un papel fundamental na conservación das costumes e no fortalecemento da identidade cultural das comunidades. A súa importancia vai máis aló da música, converténdose en piares fundamentais da sociedade, fomentando a unión e a participación veciñal. Así o destacaban os membros da Rondalla, Miguel Fernández e Javier Rodríguez, ao comentar que foi “impresionante” ver a emoción das persoas maiores ao recuperar esta iniciativa en Ventosela. Sentíronse conmovidos ao ver como a rondalla revitalizaba o espírito da tradición e reunía ás novas xeracións e á comunidade ao redor dunha mesma pasión.
Un dos principais obxectivos desta renovada rondalla é manter unha formación na que poidan participar moitos nenos e nenas, xa que destacan por ter un 30% de cativos na agrupación. O seu propósito é que o proxecto siga crecendo e conte cunha base sólida de persoas animadas e dispostas a continuar coas actividades. “Entre unha cuarta e terceira parte dos que veñen son nenos e iso é moi ilusionante”, sinala Campo.
Miguel Fernández, xunto coa súa familia –a súa esposa e os seus tres fillos, entre os cales está Alejandro, que ten diversidade funcional e utiliza cadeira de rodas–, expresou a súa felicidade por formar parte da renovada Rondalla. Aínda que é novo neste tipo de iniciativas, valora a súa importancia, xa que contribúe á socialización e achega á súa familia, así como ao fortalecemento da comunidade.
O caso de Javier Rodríguez reflicte a experiencia dos membros que regresaron á formación anterior, pero esta vez acompañados pola súa familia e fillos. “Quería que os meus fillos vivisen o que eu vivín e puideran disfrutar dunha actividade ao aire libre, que lles permitise exporse ao público e aprender de distintas xeracións, ademais de mellorar na música”, comenta. Engade que é unha experiencia absolutamente enriquecedora, unha opinión compartida polos demais membros do grupo.
Experimentaron un crecemento notable no número de participantes, pasando de apenas 15 ou 20 persoas en agosto a preto dun cento en outubro de 2024. Este aumento foi posible grazas ao espírito e á experiencia de Jose Campo, á axuda da Asociación A Miñoteira e ao esforzo colectivo dos seus membros. As principais dificultades foron de tipo económico, así como a escaseza de material e instrumentos. Moitos dos instrumentos foron incluso construídos polos propios integrantes debido á falta de recursos, polo que quixeran agradecer especialmente a Manu Campo e a Iván Vento, profesor de gaita, pola súa valiosa axuda. Ademais, a asociación conservou os traxes da anterior formación, que teñen 50 anos de historia e se caracterizan pola súa capa azul. Hoxe en día, os chascarros volven soar con forza, grazas ao esforzo e á capacidade de superación de todos os membros da Rondalla, que lograron superar as dificultades iniciais.
O seu debut foi na Cabalgata de Reis e no Día de Reis, o 6 de xaneiro, cando participaron no Certame de Rondallas e Ranchos de Reis. O certame, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Redondela, celebrouse no pavillón municipal da Marisma debido á previsión de chuvia. Este ano participaron un total de catro agrupacións, sendo a máis numerosa a da Asociación Cultural e Deportiva A Miñoteira de Ventosela. Xunto coa Rondalla Santiaguiño de Guizán, a do CCR Beade e o Rancho de Reis As Cortellas, un total de 225 persoas de todas as idades desfilaron no tradicional certame.
A próxima actuación da Rondalla será o 11 de xaneiro en Gondomar, despois de que se aprazase o seu certame de Rondallas. Ademais, o 12 de xaneiro, a agrupación ofrecerá un evento moi especial na igrexa de Quintela, unha actuación promovida por membros da Rondalla que pertencen a esta parroquia e que querían presentar con orgullo o grupo á saída da misa, cando se xunta moita xente.
O vindeiro 18 de xaneiro, non acudirán ao Festival de Rondallas do Ifevi en Vigo xa que a inscripción no rexistro de rondallas precisa duns tempos. Porén, agardan con ilusión polas festas cando percorrerán Redondela e actuarán na cita en Gondomar.
PRESENZA E IMPORTANCIA DOS MÁIS CATIVOS E CATIVAS
Entre os máis novos, os nenos e nenas desempeñan un papel esencial na Rondalla, sendo a súa participación clave para preservar e dar continuidade á tradición. Este ano, como novidade, Alba, Paula e Alex Fernández debutaron como abandeirados, afrontando o desafío de desfilar diante do público por primeira vez e realizando un traballo excepcional. Este xesto demostra que a Rondalla non só é música, senón tamén unha escola de valentía e crecemento persoal para a mocidade. A súa implicación é un motivo de orgullo para o grupo e un exemplo inspirador para todos os rapaces e rapazas.
Tamén podemos atopar a Xián Porto, de 11 anos, que xa participou noutra rondalla en Mos; goza de estar nesta por compartir momentos cos seus amigos. Bruno Silva, de 14 anos, tamén toca tambor e bombo; vén por tradición familiar, xa que os seus avós, nai e pai formaron parte da antiga rondalla. Anxo Balado, de 14 anos, que toca percusión, tamén segue os pasos do seu pai e participa polos seus amigos. Todos coinciden en que o mellor é estar cos amigos e compartir a experiencia. Nico Otero, de 10 anos, desfruta especialmente dos ensaios, a pesar de que nunca colleu unha pandeireta. Nora Porto, de 8 anos, toca a pandeireta desde o verán pasado, pero aínda sente algo de medo a actuar en público. Tamén participan Sofía Campo, o seu irmán Manu Campo, e Juan Rodríguez.
Unha das nenas que se destaca é Maia, que toca a charrasca, e con ela, todos os nenos e nenas da rondalla aprenden a importancia de cada instrumento no conxunto. Ademais, hai dous irmáns, Omara e Román, que tocan a trompeta e o clarinete respectivamente, e que tamén son membros do grupo “As Tareixas”. A súa presenza, ademais de ser unha mostra de talento, amosa o valor da música como tradición e en familia.