Hoxe é Venres 10 de Xaneiro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A obra “Un funeral para morrer coa risa” inaugura o XI Ciclo de Teatro afeccionado de Chapela

teatro chapela

Este ciclo de teatro posto en marcha hai once anos pola Asociación cultural e Social da parroquia en colaboración co Concello de Redondela, ten como obxectivo fomentar esta arte escénica e suplir a carencia deste tipo de representacións en Chapela. Todas as funcións son de balde no Multiúsos do Piñeiral do Crego ás 20:00 horas. Logo da actuación este sábado da compañía Teatro Agarimo de Vigo, chegarán Lúa Chea con “RESART, residencia de artistas”; a viguesa Porta Aberta con “Munuwa” e a Asociación Dramatúrxica Pico de Castro con “O Randiña”.

Arranca a oferta cultural do ano en Chapela cunha cita xa tradicional como é o ciclo de teatro afeccionado que promove a Asociación Cultural e social de Chapela e que inclúe catro funcións os sábados días 11, 18 e 25 de xaneiro e o sábado 1 de febreiro.

Abre o ciclo o Grupo de Teatro Agarimo, de Vigo, coa obra “Un funeral para morrer coa risa”. Esta comedia, na que participan unha ducia de actores e actrices, trasládanos ao funeral dun pai de familia. Na xuntanza que fan os seus fillos para repartir a herdanza van descubrir unha sorpresa “para morrer coa risa”.

O sábado día 18 será a quenda do grupo Lúa Chea, de Poio, que representará “RESART, residencia de artistas”. Conta a historia dunha residencia de anciáns que comparten o feito de ter sido artistas. Malia os achaques propios da idade, seguen tendo a ilusión de cantar, bailar, actuar… o que nos ofrece unha comedia ácida sobre o paso do tempo.

“Munuwa”, da compañía viguesa Porta Aberta, chegará ao Piñeiral o 25 de xaneiro. Nesta obra un profesor de mediana idade, Darío, canso da vida rutineira que levaba mantendo coa súa ex-muller, aturando os caprichos do seu fillo adolescente e as burlas do seu mellor amigo, toma a decisión de mudar radicalmente de vida e irse ao outro lado do mundo. Para iso deberá prepararse e introducir nos seus hábitos costumes oceánicas “munúwas”.

A Asociación Dramatúrxica Pico de Castro, de Foz, será a encargada de pechar o ciclo de teatro o sábado 1 de febreiro. Será coa obra “O Randiña”, que recrea as peripecias dun vagabundo, o “Randiña”, no seu afán de evitar que se lle arrebaten o único lugar que considera o seu fogar, un banco de praza. Este singular personaxe fará fronte á indiferenza, o abuso e a marxinación tendo como única arma o seu enxeño.

Todas as funcións se representarán no auditorio do Piñeiral do Crego en Chapela ás 20.00 horas. As entradas son de balde.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará