Os nacionalistas critican a iniciativa do goberno de Digna Rivas de cambiar seis marquesiñas das paradas do autobús da avenida de Redondela, cun prezo total de 61.000€, por entender que obedece a un interese partidista e non a criterios racionais de necesidade de cambio provocado polo deterioro das marquesiñas.
O voceiro do BNG, Xoán Carlos González, entende que o mobiliario urbano ten que seguir un plan de mantemento e recuperación e, nos casos de necesidade, proceder a súa renovación “sempre tendo en conta a racionalidade do gasto”. Entenden que neste caso non se seguiron eses principios e lembran que esta renovación nin sequera fora solicitada en ningún consello parroquia de Chapela.
Critican tamén que as marquesiñas retiradas vaian ser recuperadas para aproveitalas para outras parroquias “xa que suporía un trato discriminatorio, considerando algunhas parroquias de primeira e outras de segunda”.
Afirma que o goberno PSOE e AER “cae nas súas propias contradicións pois mentres difunde a idea que se deben aumentar os ingresos para mellorar a xestión municipal, por outro lado realizan estes gastos inxustificables”. Un cambio de marquesiñas que insisten “responden a un interese partidista e a unha falta de rigor evidente”.
O BNG empraza á alcaldesa Digna Rivas “a desenvolver investimentos que obedezan ao interese colectivo e que dean resposta ás verdadeiras necesidades dos veciños e veciñas de Redondela.