“Hoxe o choquismo está de loito” con estas sentidas palabras o Club Deportivo Choco amosaba o seu pesar polo pasamento do Julio Amoedo, actual adestrador no xuvenil B do club redondelán así como no equipo xuvenil do Pazos Fútbol sala. As mostras de pésame e apoio cara as súa familia e amigos chegaban dende numerosos clubs deportivos do concello e bisbarra e da propia Federación Galega de Fútbol.
A triste noticia chegaba aos afeccionados ao fútbol a través da mensaxe do CD Choco “neste momentos tan difíciles para toda a familia choqueira polo falecemento do noso adestrador Julio Amoedo, queremos mandar o noso máis sincero pésame a toda a súa familia, e en especial a nosa presidenta Vicky e xogador Artai. Nesta situación non hai palabras, hoxe o choquismo está de loito”.
Vinculado tamén a Sociedade Deportiva Pazos, dende este club tamén amosaban o seu pesar “Julio Amoedo, o noso Julio, actual adestrador do noso equipo equipo xuvenil e histórico xogador do noso club deixounos de madrugada. Estamos todos consternados e queremos brindar todo o noso apoio e cariño aos seus. Os que formamos parte da súa outra familia manterémolo sempre vivo nos nosos recordos. Grazas por todo este tempo Julio e grazas por ser un máis deste club e por presumir de #adnPazos alá onde foras”.
As mensaxes de pesar chegaron dende numerosas entidades deportivas como a SAR Redondela, o Redondela fs, o Club Deportivo Cesantes, o Arealonga FS Chapela ou a Federación Galega de Fútbol, entre outros moitos.