A nova web municipal unifica nun só espazo as dúas páxina existentes ata o de agora, facilitando as funcións de comunicación e xestión diaria da veciñanza. A nova páxina, que mantén o dominio soutomaior.gal, aposta pola limpeza estética, a modernización, a intuitividade e a axilidade.
A nova páxina web do Concello de Soutomaior, presentada polo alcalde, Manu Lourenzo, e o concelleiro de TIC, Diego Moreira, unifica as dúas páxinas existentes ata o de agora, unha situación que provocaba molestias e perdas de tempo entre a veciñanza, xa que tiñan que desprazarse dunha a outra páxina segundo o trámite que quixesen realizar.
Así, esta web unifica os diferentes soportes e servizos de maneira estruturada e ordenada. Con esta ferramenta, todas as áreas e servizos optimizan as súas posibilidades para facilitar as xestións da veciñanza no día a día á hora de realizar trámites administrativos e consultar as novidades do concello, entre outros aspectos. Deste xeito, o acceso á sede electrónica ou á Axenda Municipal simplifícase sobremaneira, evitando que os veciños e veciñas teñan que achegarse en moitas ocasións ás dependencias municipais para consultar dúbidas.
O principal criterio marcado polo Goberno de Soutomaior á hora de deseñar esta nova páxina múnicipal era o de priorizar a funcionalidade e utilidade sobre outros usos como pode ser o propagandístico.