O evento celebrarase os días 1 e 2 de febreiro e a partir de mañá día 15 abrirase o prazo para participar nesta edición. Este ano como novidade, e ante a imposibilidade de desenvolverse no Castelo, o certame volverá as súas orixes na Casa do Pobo do Val – Sobral. Ademais das tradicionais exposicións dos diferentes tipos de camelia, como actividades complementarias destacan dende o concello a realización dun mural creativo-colectivo “Camelias artísticas” e unha actividade de relaxación con aceite de Camelia.
A concelleira de Promoción Económica, Hostalería e Comercio, Rosana Comesaña, e a concelleira de Turismo e Cultura, Silvia Cernadas, presentaron este luns a XXIII edición do Certame da Camelia do Concello de Soutomaior. Unha cita punto de referencia para que as persoas cultivadoras e afeccionadas participen na exhibición das composicións de camelias.
Inclúese como actividade principal a exposición de composicións de flor de Camelia que se desenvolverá este ano como novidade na casa do Pobo do Val – Sobral en Soutomaior, o sábado en horario de tarde e o domingo 2 en horario de 11:00 a 18:00 horas. Unhas composicións florais que se poderán ver tamén nos centros educativos e nos escaparates no comercio e a hostalería local.
Como actividades complementarias destacan dende o concello a realización dun mural creativo- colectivo “Camelias artísticas”, unha actividade de relaxación con aceite de Camelia e un concerto da Coral de Soutomaior que terá lugar o domingo 2 de febreiro.
Ao certame poderán concorrer todas as persoas, profesionais ou afeccionadas que realicen a súa inscrición e presenten unha composición de flores de calquera especie e variedade de Camelia, así como calquera dos seus híbridos.Poden consultar as bases en www.soutomaior.gal
Un Certame que contará con premios económicos en todas as categorías, (centros educativos, comercio e hostalería e a exposición no Val – Sobral) e que tamén contará co premio especial Lelita Gradín, este ano como novidade para este premio tamén se implica a artesanía local cunha peza deseñada por León Lagata para este certame. Outro dos premios que tamén se outorgarán nesta XXIII edición é o premio á inclusividade.
O prazo de inscrición para participar no Certame comeza o mércores 15 de xaneiro, e remata o venres 24 de xaneiro ás 14:00h . As datas principais da edición XXIII Certame da Camelia serán os días 1 e 2 de febreiro deste 2025, malia que como aperitivo o 31 de xaneiro a Biblioteca Luís Seoane tamén acollerá unha edición especial da “Hora do Conto” centrada na Camelia.