Foto: cultura.gal
A Asociación Alén Nós, integrante do movemento memorialístico galego, censura as palabras do popular José Luis Ferro que “teñen a intencionalidade política de negar o franquismo”. Dende o goberno local adiantan que pedirán ao pleno declarar “persoa non grata en Redondela” ao deputado do PP.
A represión que houbo en San Simón é indiscutible, houbo fusilados na propia Illa e tentar minimizar o sufrimento que padeceron os centos de presos que estiveron aí encarcerados por parte do réxime franquista supón unha negación histórica ”o que pretenden este tipo de declaracións é desvirtuar o que alí acontecía “un lugar de represión atroz”.
Así o explicaba Gonzalo Balo dende Alen Nós, asociación integrante de Iniciativa Galega pola Memoria, en resposta as palabras que este mércores se escoitaban no Parlamento Galego na voz do popular José Luis Ferro quen afirmou que “non temos constancia a día de hoxe pola documentación que existe que houbera mortes na illa de San Simón salvo abusos do director daquel momento da prisión que foi pasado polo coitelo, o mesmo director da prisión porque trataba mal os presos”.
Unhas declaracións que para Andrés Laxe, tamén de Alén Nós “non son froito da ignorancia, teñen unha intencionalidade política clara de negar o franquismo”.
Opinión que comparte tamén a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas quen acusou a José Luis Ferro Iglesias de “branquear o franquismo, actuando como cómplice da ultradereita e boicoteando o acordo pola Memoria Democrática”. Rivas anuncia que no próximo pleno da Corporación proporase a declaración de Ferro Iglesias como “persoa non grata en Redondela”.
Lamenta o silencio do PP de Redondela e confía en que a formación se pronuncie facendo pública “a súa consideración sobre o pasado de San Simón e a súa posta en valor como Lugar de Memoria Democrática”.