Unha senda peonil, unha bancada con vistas ao mar e zonas de descanso con vexetación autóctona son os principais elementos do proxecto elaborado polo estudo Naos Arquitectura. Un proxecto que o Concello de Redondela pretende que sexa unha realidade no presente mandato polo que nos vindeiros días a alcaldesa, Digna Rivas, reunirase coa dirección de Costas do Estado en Pontevedra para avanzar na súa realización.
O Concello xa ten no seu poder o proxecto de execución do futuro paseo polo litoral de Cesantes elaborado polo estudo Naos Arquitectura. A actuación, unha das grandes apostas dos sucesivos goberno de Redondela nas últimas décadas ¡, suporía unir cun paseo o porto de Cesantes coa praia da Punta, co que se crearía un novo espazo de lecer para a veciñanza de case 4.000 metros cadrados.
A alcaldesa, Digna Rivas, co gallo da súa visita a Madrid para a feira de Turismo, mantivo o xoves unha xuntanza de traballo no Ministerio para a Transición Ecolóxica. A resposta da Directora Xeral de Costas, Ana María Oñoro, foi moi positiva xa que este proxecto do paseo de Cesantes “está na liña da estratexia do Ministerio para o futuro do litoral, cunha proposta sostible a nivel ambiental”, afirma Rivas.
O proxecto contempla unha senda en paralelo ao mar, de xabre cemento, con tramos de madeira, pedra e formigón pulido. O paseo contará con zonas de descanso ao longo do percorrido e vexetación autóctona resistente a climatoloxía marítima (moreiras, figueiras, bidueiros, etc.). Nos noiros faranse xardíns que estabilicen o terreo.
O obxecto da actuación é acondicionar o tramo que discorre xunto á praia de Cesantes para habilitar unha senda paralela ao mar. Os veciños poderán gozar dun paseo por un medio natural afastado do tráfico con espazos para o deporte e resolverase o problema que presentan aqueles noiros que, coas mareas, sofren pequenas caídas de terreo que supoñen un perigo no transfondo da praia, facendo xardíns que estabilicen o terreo. Tamén se preparará este tramo do litoral ante futuros episodios de subidas do nivel do mar.
O paseo polo litoral permitirá á veciñanza desprazarse camiñando ou en bicicleta desde o centro da vila até a praia da Punta. A rexedora lembra que se trata dunha das súas “apostas persoais” para este mandato, e avanza que nos vindeiros días manterá reunións de traballo coa dirección de Costas do Estado en Pontevedra “para seguir avanzando neste proxecto” que, segundo avanza Rivas, está cada vez “máis cerca de facerse realidade”.



