O escenario xa difícil de por si para un goberno en minoría como é o formado por PSOE e AER en Redondela vén de complicarse aínda máis para Digna Rivas unha vez que o Consello Local do BNG acordou “dar por pechada calquera negociación co partido socialista”. Explican os nacionalistas que a súa decisión de desvincularse dos socialistas é “consecuencia directa dos incumprimentos reiterados do acordo de investidura por parte do PSOE local”.
Acusa o BNG ao goberno do PSOE de actuar de “forma autoritaria dende os primeiros meses de mandato, afastados do diálogo e sendo incapaces de cumprir ningún dos acordos asinados co Bloque”. Fan referencia concretamente a compromisos como a reforma dos accesos á estrada de Porto Cabeiro ou ao colexio Igrexa en Chapela. Recriminan tamén a Digna Riivas que non respectara “un dos puntos máis importantes do acordo de investidura: a negociación de calquera proxecto de máis de 300.000 euros ou a aprobación dos orzamentos no mes de decembro”.
Engade o voceiro do BNG, Xoán Carlos González que durante o case ano e medio de mandato do actual bipartito “estivemos dispostos a negociar e falar para levar calquera tema adiante no pleno, apoiando diversas iniciativas do goberno” pero que a día de hoxe e “tras levar tempo alertado ao PSOE” e comprobar que non modifican os seus “posicionamento autoritarios”, non poden seguir confiando “en quen non cumpre a maioría dos acordos.”
Unha “ruptura de relacións”que posiblemente se escenificará xa no pleno deste xoves, no que está previsto debater as novas retribucións para os concelleiros Alberto Álvarez e Iria Vilaboa e que, de non contar co apoio dos concelleiros do BNG, ten escasas posibilidades de saír adiante. Outro punto que queda tamén no aire é a aprobación da Axenda Urbana, que podería ser rexeitada por segunda vez no pleno da corporación.
Tamén se complica e moito a aprobación do orzamento municipal que a concelleira de facenda, Rita Pérez, tiña previsto aprobar neste primeiro trimestre do ano.