Hoxe é Venres 11 de Abril de 2025

A Xunta pedirá ao Estado a transferencia da Illa de San Simón

illa

O conselleiro de Cultura José López Campos avanzou este mércores que o seu departamento se dirixirá ao Goberno central para reclamar a transferencia da titularidade da Illa de San Simón. ºA illa foi cedida en usufruto por Patrimonio do Estado á Xunta para a súa rehabilitación en outubro de 1997. Esta cesión extinguirase en 2027, polo que a Xunta ten a intención de iniciar os trámites para pedir ao Goberno o traspaso definitivo da súa titularidade para que pase a ser de competencia autonómica.

Esta petición, lembrou o conselleiro nunha intervención no Parlamento, súmase á solicitude de transferencia tamén da xestión do Pazo de Meirás, un Ben de Interese Cultural (BIC) que agora está en mans da Fundación Francisco Franco.

Con estas peticións, o Goberno galego busca facerse co control dos dous bens que recentemente foron declarados como lugares de memoria, atendendo a unha solicitude presentada en xullo pola Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), que solicitaba “protexer da desmemoria” dous dos lugares relacionados coa ditadura franquista máis emblemáticos de Galicia.

A Xunta busca así que a illas de San Simón e a de San Antón pasen a ser patrimonio de Galicia a fin de impulsar alí actividades “culturais, deportivas e educativas”, sen obviar que se trata dun lugar fundamental na historia da Guerra Civil e a ditadura. “Ninguén escapa a esa realidade”, aseverou López, que dixo que o PP recoñece a “época de represión” e o “período realmente escuro” que alí se viviu.

Con anterioridade a este anuncio, os deputados do PSdeG, Paloma Castro, e do BNG, Luís Bará, reprocharan á Xunta e ao PPdeG a actitude negacionista e revisionista en relación coa illa despois de que, hai dúas semanas, o deputado do PP José Luis Ferro dixese que non hai constancia documental de que se producisen mortes mentres foi cárcere na ditadura franquista.

Ambos criticaron que, baixo a tutela da Xunta, a illa de San Simón se transformase nunha atracción xestionada por empresas privadas con eventos festivos e lúdicos sen atender á historia que garda respecto á Guerra Civil e o franquismo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: