A protesta “Pola defensa dos servizos públicos” terá lugar este xoves 30 de xaneiro, ás 19:00 horas con saída dende o Cruce de Vía Norte en Vigo. As entidades convocantes reclaman a reducción efectiva e inmediata das ratios nos centros educativos para garantir unha atención personalizada, máis profesorado e recursos específicos para atender a diversidade, medios para asegurar a equidade no acceso á educación e persoal especializado e con formación en saúde mental infanto-xuvenil.
Explican dende a Federación de Anpas que o ensino público é unha peza fundamental para garantir a calidade democrática e a xustiza social así como unha ferramenta imprescindible para acadar a equidade e a redistribución dos recursos. Porén, as políticas de austeridade e os recortes levados a cabo nas últimas décadas están a degradar a calidade do sistema educativo, precarizando as condicións do sector e afectando gravemente ao dereito á educación.
Esta situación, engaden, “ten consecuencias moi graves para a sociedade e para o futuro das novas xeracións”. Concretamente alertan da falta de recursos nos centros de ensino que está a impedir que nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo accedan a unha educación inclusiva e de calidade, a insuficiencia de profesorado, ratios elevadas nas aulas e a escaseza de medidas de atención individualizada.
A convocatoria está asinada dende FOANPAS, Plataforma Adolece, Foro Socioeducativo Os Ninguéns, CUT, CIG Ensino, ADICOPUVI e STEG e o apoio da coa Confederación de ANPAS GALEGAS.