O PP abandonou o pleno no inicio do debate da moción. Evitaron así os concelleiros do PP de Redondela escoitar como a corporación declaraba “persoa non grata” ao deputado do seu partido José Luis Ferro a raíz das súas declaracións na cámara galega nas que afirmaba que “non hai constancia” de que se produciran mortes na Illa de San Simón durante o período no que foi cárcere e campo de concentración dende 1936 e 1943.
A moción presentada polo goberno local debatiuse igualmente logrando o apoio do resto dos partidos –PSOE, AER e BNG- que neste caso si votaron conxuntamente a favor da proposta lembrando que San Simón foi un centro de represión no que morreron centos de persoas, moitos de fame, moitos de enfermidade e outros vítima dos fusilamentos. Un número de vítimas da represión extrema do franquismo que os investigadores cifran en máis de 500 persoas.
A socialista Iria Vilaboa relataba o acontecido na Illa nese dramático período e recriminaba ao deputado popular as súas palabras nas que poñía en cuestión a existencia de asasinatos, palabras que levaban ao grupo de goberno a solicitar a súa declaración como persoa non grata en Redondela.
Na súa intervención, o voceiro de AER acusaba aos populares de “restar importancia aos crimes do franquismo” así como “amosar unha absoluta falta de empatía coas vítimas e coas súas familias”. Fixo referencia Roberto Villar tamén ao deputado redondelán Alberto Pazos “por pedir desculpas aos que malinterpretaron as palabras de Ferro, cando o que houbo non foi unha malinterpretación senón un intento noxento de branquexar a ditadura de Franco e os crimes perpetrados en San Simón”.
Os nacionalistas criticaban non só as palabras de Ferro. Sinalaban directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda por dicir que “o tema da represión era un tema de historiadores” e insistían na necesidade de traballar cos máis novos para que se coñeza o que aconteceu en San Simón e a represión que supuxo a ditadura franquista.
Ausencia do PP
Os populares argumentan a súa ausencia do pleno polo “abuso de poder ditatorial” da alcaldesa ao vetar unha moción popular e, pola contra, permitir o debate das súas malia os informes xurídicos contrarios. Neste sentido sinalan que a expediente de Secretaría impide que se voten as mocións alleas ás competencias municipais e a rexedora aproveitouno para impedir que se abordara unha proposta do PP, pero non aplicou o mesmo criterio para a súa reprobación, xunto con AER, do deputado José Luis Ferro
Anuncia o edil Iván Crespo que “ inseguridade, incapacidade e febleza de Rivas provocan que actúe dun modo autoritario inadmisible en democracia, vulnerando a igualdade e a participación política, e advertímoslle de que estas arbitrariedades rematarán en impugnacións legais”.