O BNG anunciaba este mércores a súa decisión de “dar por pechada calquera negociación co partido socialista”. Explican os nacionalistas que a súa decisión de desvincularse do goberno de Digna Rivas é “consecuencia directa dos incumprimentos reiterados do acordo de investidura por parte do PSOE local” e, malia non pecharen a porta a unha “reconciliación” aseguran que reconducir esta situación vai ser difícil atendendo a actitude do equipo de goberno.
O voceiro do Bloque, Xoán Carlos González explica que o Consello local adoptou a decisión de romper co goberno de Rivas logo de facer unha análise do acontecido neste ano e medio de mandato. Insisten en que levan meses avisando da falta de negociación por parte do goberno en cuestións relevantes para a cidadanía “non están a cumprir co espírito do acordo de investidura”. Neste sentido explica que o PSOE si se ten reunido con eles “pero non para consultarnos e traballar conxuntamente en proxectos de interese para a veciñanza, senón para informarnos de decisións xa pechadas”.
Insisten en que un goberno “cunha minoría tan minoritaria coma este” non se pode permitir non negociar cos grupos da oposición e insisten en que si queren contar con eles terían que modificar a dinámica actual ““aqueles que pensen que se vai ningunear ao BNG están moi equivocados, tense que contar co noso criterio para desenvolver determinadas políticas en Redondela”. En caso contrario, engade González “o goberno local terá que buscar outros apoios”.
Reiteran que no seu día facilitaron a investidura de Rivas, malia rexeitar entrar no goberno, cun compromiso claro que pasaba por establecer unha dinámica de diálogo e de consulta que non se está a realizar.
Unha ruptura que previsiblemente escenificarase no pleno de hoxe ás 20:00 horas no que se abordan cuestións de relevancia para o goberno local como a retribución do concelleiro Alberto Álvarez ou a aprobación da Axenda Urbana. Xoán Carlos González declinou adiantar cal vai ser o voto dos nacionalistas nestes asuntos pero quixo deixar claro que a súa non vai ser “unha oposición caprichosa nin oportunista, se hai temas de interese colectivo nós apoiarémolos”.