A Alameda Rosalía de Castro de Chapela acolleu o venres a presentación oficial dos actos vencellados á celebración do Día de Rosalía. Un ano máis, os institutos de Redondela impulsan o reto “Unha semaniña enteira”, que conta coa colaboración de distintos sectores sociais e do propio Concello. Este reto promove o uso do galego oral durante as 24 horas dos sete días da semana, desde o 17 ao 23 de febreiro, co obxectivo de fomentar a normalización da lingua galega.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou a importancia de involucrar a diferentes sectores da sociedade, incluíndo asociacións, clubs deportivos, e o comercio local, para reforzar o compromiso co galego. “Quixemos implicar a distintos colectivos, porque a normalización do galego non debe ser só unha tarefa das institucións, senón de toda a sociedade”, comentou Rivas.
Olga Nogueira, profesora de galego no IES Mendiño e responsable da iniciativa, explicou que o reto naceu nos centros educativos “por mor da necesidade de promover o uso do galego entre os mozos e mozas, xa que cada ano constatamos unha diminución do seu uso”.
Un dos aspectos máis destacados deste ano foi o impulso dado ao galego no ámbito deportivo, especialmente nos clubs de Chapela, que foron chamados a ser “exemplo e modelo a seguir” na normalización da lingua. A alcaldesa pediu aos clubs que se conviñesen en referentes en canto ao uso do galego, subliñando que “é en Chapela, precisamente, onde se atopa a Alameda Rosalía de Castro”.
Para apoiar a campaña, o Concello distribuirá 3.000 chapas elaboradas pola Asociación Lenda de Saúde Mental, un colectivo que tamén recibe agradecementos pola súa implicación dende o inicio da iniciativa.
Entre as actividades programadas, destacan os concertos. O Conservatorio Municipal Víctor Ureña ofrecerá un concerto de repertorio galego o martes 18 de febreiro ás 19:00 horas. Ademais, o 28 de febreiro, a Escola de Música de Chapela e a coral Piñeiral do Crego ofrecerán tamén un concerto con repertorio galego no auditorio do Piñeiral do Crego.
As bibliotecas municipais tamén se suman á celebración, organizando unha actividade interxeracional en Chapela que promoverá o uso do galego entre avós, avoas, nenos e nenas, con lecturas de textos de Rosalía e debuxos das camelias. As escolas de infantil e primaria celebrarán contacontos teatralizados dedicados á autora, cun espectáculo que mestura teatro, música e poesía baixo o título “Historias soñadas”.
Ademais, o Concello de Redondela organizará un concerto na Alameda Castelao para premiar o esforzo dos institutos, alumnado e profesorado que se sumen ao reto, como xa se fixo no ano anterior. Rivas tamén adiantou que, como novidade, este ano se celebrará outro concerto aberto ao público que promete ser “moi especial” e que contará con sorpresas.
A alcaldesa agradeceu a implicación de todos os colectivos que fan posible este reto, entre eles, colexios, institutos, Anpas, clubs deportivos, Lenda, Andaina, o Conservatorio Municipal, a Escola de Música de Chapela, as Bibliotecas Municipais, a Asociación de Empresarios, e o Comité de Empresa e a Xunta de Persoal do Concello de Redondela.