Foto de Patry Rivas
A SAR Rodavigo caeu por 24-32 ante o líder Balonmano Gijón, a pesar de loitar até os últimos minutos. Na mesma xornada, o Cíes Obra Civil Balonmán Chapela venceu por 23-24 ao Atlético Guardés, logrando un paso importante na Primeira Autonómica. Pola súa parte, As Choqueiras Pastoriza perderon 31-17 contra o UB Lavadores Vigo B, mantendo a última posición en Segunda Autonómica.
División de Honra Prata Feminina
SAR Rodavigo 24 – 32 Balonmano Gijón
A SAR Rodavigo planta cara ao líder pero cae nos últimos minutos
A Bombonera recibiu este sábado ao líder da División de Honra Prata Feminina, o Balonmano Gijón. O encontro comezou costa arriba para as mozas da SAR Rodavigo, cun parcial de 4-9 no minuto 15 que obrigou a solicitar tempo morto. Tras a pausa, o equipo reaccionou e, cun xogo máis ordenado, logrou recortar a desvantaxe para chegar ao descanso cun esperanzador 12-14.
Na segunda metade, a SAR Rodavigo mantivo o ritmo do partido, sempre a dous ou tres tantos do conxunto asturiano. Cunha defensa sólida e ataques ben elaborados, no minuto 48 seguían na pelexa (20-22). Porén, nos últimos dez minutos, o Balonmano Gijón impuxo a súa condición de líder e rompeu o partido, ampliando a diferenza ata o 24-32 final. Un resultado que non reflicte a intensidade nin todo o esforzo despregado durante os 60 minutos.
A próxima semana non haberá xornada debido á retirada do Salud Tenerife, polo que a SAR Rodavigo volverá á competición a primeira fin de semana de marzo na pista do Balonmán Sanse.
Primeira Autonómica
Mecalia Atlético Guardés 23 – 24 Cíes Obra Civil Balonmán Chapela
As mozas do BM Chapela en Primeira Autonómica venceron pola mínima na súa visita ao Atlético Guardés. Un resultado que lles permite sumar e subir un chanzo para situarse oitavas na liga e estar máis preto da salvación.
O próximo sábado reciben ao Carballal, rival directo situado un posto por enriba e cunha vantaxe de tres puntos. Partido interesante o que se vivirá na fin de semana no Pavillón Manuel González Soto en Chapela.
Segunda Autonómica
UB Lavadores Vigo B 31 – 17 As Choqueiras Pastoriza
As Choqueiras non logran sumar na recta final da tempada e mantéñense pechacancelas con 0 puntos na liga de Segunda Autonómica. No vindeiro encontro reciben ao Balonmán Tui, terceiro pola cola e tamén necesitado de puntos.