O programa “Redondela con ritmo” convida á veciñanza a achegarse aos centros parroquiais a gozar dunha noite de música en directo. Están programadas un total de catro sesión. A primeira das citas será o sábado 22 de febreiro ás 21:30 horas no Centro Cultural da Miñoteira en Ventosela coa actuación da artista local Marcela.
Despois do Entroido, o 15 de marzo, será a quenda da sesión de baile no Centro Cultural de Quintela co grupo Tic-Tac. O programa “Redondela con ritmo” chegará ao Centro Cultural de Cidadelle o 22 de marzo coa actuación novamente de Marcela, e o 5 de abril a sesión de baile será no Centro Cultural de Santo Estevo de Negros co Trío Pentágono. Os bailes contarán con música en directo, amenizados por grupos locais que ofrecerán distintos estilos musicais, desde bachata até pasodobres.
“O obxectivo é que os veciños e veciñas das parroquias, especialmente os maiores, poidan gozar dunha sesión de baile, diversión e convivencia”, explica a concelleira de Servizo Sociais e Maiores, Iria Vilaboa quen engade que “os beneficios do baile nas persoas maiores son múltiples e van desde o físico ao emocional e sociocognitivo, é unha actividade sinxela que xera emocións e sensacións beneficiosas para o corpo e para a mente e, ademais, como adoita practicarse en grupo, permite descubrir outras formas enriquecedoras de relacionarse cos demais”.
A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira presentaron o novo programa xunto con representantes dos centros culturais das diferentes parroquias participantes.