Hoxe é Luns 21 de Abril de 2025

Olga Nogueira: “No Instituto practicamente non hai adolescentes galegofalantes”

semaniña enteira

A profesora promotora da iniciativa “Unha semaniña enteira” que durante esta semana promove o uso oral do galego, particularmente entre a rapazada dos institutos e en xeral en toda a sociedade redondelá, constata a situación de “emerxencia lingüística” que está a sufrir o galego tamén no noso concello. Nese contexto xurdiu este programa que busca que a rapazada reflexione sobre a importancia de ter un idioma propio e a necesidade de loitar pola súa conservación.

Olga Nogueira, profesora de Galego no IES Mendiño

O retroceso do galego é patente. Así o confirma a profesora de galego Olga Nogueira quen asegura que “cada vez son menos os rapaces e rapazas que falan galego e a calidade da lingua é moito peor”.

Nese contexto xorden iniciativas coma “Unha semaniña enteira” que busca que os máis novos teñan unha “escusa” para empregar o galego e se animen a facelo máis aló da aula, recuperando así a capacidade oral do estudantado. A proposta concreta é que durante as 24 horas dos sete días da semana, desde o 17 ao 23 de febreiro, a rapazada empregue o galego para se comunicar en calquera contexto no que se atope.

Como complemento a esta proposta hai diversas actividades nos centros educativos: traballos radiofónicos, clubs de debate, charlas, actividades musicais en torno ás Cantareiras a quen está dedicado este ano o Día das Letras Galegas… O arranque foi coa visita de tres estudantes Erasmus procedentes de Estados Unidos, Italia e Francia quen explicaron a importancia de conservar un idioma como o noso, a riqueza cultural e o valor comunicativo ao destacar a súa relevancia dentro da lusofonía.

Tamén dende o venres poden verse penduradas en distintos puntos de entrada a Redondela e Chapela, o cartel da campaña e hoxe a cita será no Conservatorio Municipal Victor Ureña cun concerto de repertorio galego e unhas breves explicacións sobre a figura de Rosalía de Castro.

Nogueira é realista en canto ao efecto que este tipo de iniciativas teñen sobre o alumnado “non van supor un cambio radical pero ten un resultado moi positivo, supón un incentivo para que os nenos e as nenas empreguen o idioma en espazos nos que adoitan empregar exclusivamente o castelan, xa sexa no recreo, en actividades deportivas ou extraescolares “. Unha iniciativa que “deixa un pouso positivo nestes rapaces”.

Para apoiar a campaña, o Concello distribuirá 3.000 chapas elaboradas pola Asociación Lenda de Saúde Mental, un colectivo que tamén recibe agradecementos pola súa implicación dende o inicio da iniciativa.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: