O conxunto feminino A de pádel do Club de Tenis e Pádel de Redondela logrou un fito histórico para o municipio ao proclamarse campión da liga regular da categoría Future no Campionato de Series Nacionais. Grazas a esta vitoria, o grupo conseguiu o ascenso á categoría 500, consolidando o seu excelente desempeño na competición.
Este triunfo tamén lles asegurou unha praza no Campionato Interseries de Galicia, un prestixioso torneo no que se enfrontarán os catro mellores equipos da comunidade. Neste certame, os conxuntos de Galicia Sur e Galicia Norte competirán por un posto na fase Interseries de España. O esperado encontro terá lugar en Ourense o sábado 22 de febreiro.

Ademais desta competición, a formación feminina A tamén está participando na Liga Galega de Pádel da Federación, que comeza todos os anos en xaneiro e na que o ano pasado acadaron igualmente un ascenso de categoría, pasando do 4ª ao 3ª rango na competición por equipos de clubs da Federación.
O cadro feminino A está composto por 20 xogadoras cunha media de idade entre os 25 e os 45 anos, o que reflicte a versatilidade do pádel, un deporte no que se permite competir con franxas de idade máis amplas, algo que o diferenza doutros deportes. O grupo leva tres anos competindo e uniuse ao club na sección de pádel animadas por Tomás Domínguez, o creador do primeiro conxunto masculino desta disciplina do club. Desde entón, traballaron con dedicación e gozan dun ambiente de compañeirismo que as une tanto dentro como fóra das pistas.
Laura López, capitana da escuadra feminina A e vogal do club, destaca que o éxito do pádel en Redondela débese en gran parte a que este deporte comezou como unha actividade de ocio, impulsado pola moda e a atención que está a recibir nestes momentos. Aínda que inicialmente se trataba dunha práctica máis lúdica, pronto enganchou á xente que o probou, moitas veces persoas que viñan doutras disciplinas deportivas e acabaron “picando o gusaniño e as ganas de competir”.
O Club de Tenis e Pádel de Redondela ten unha historia que se remonta aos anos 90 e, coa incorporación da sección de pádel, experimentou un crecemento constante. Actualmente, a entidade conta con catro equipos de pádel: masculino A e B, e feminino A e B, o que demostra a súa aposta firme por este deporte.
Non obstante, Laura López, membro da directiva, sinala que a principal necesidade do club é a falta dunha pista cuberta para os equipos de tenis que lles permita adaptarse mellor ás condicións meteorolóxicas de Galicia. “A pista de tenis está renovada e é moi boa, pero móllase facilmente cando chove, o que pode resultar perigoso durante os enfrontamentos”, apunta.
A comunidade deportiva de Redondela celebra con entusiasmo este logro, que marca o primeiro título da sección feminina de pádel do club, e agarda con expectación o próximo desafío do equipo en Ourense, onde as xogadoras competiran por seguir sumando éxitos na súa traxectoria.
