O que fora presidente do Redondela FS así como adestrador de diferentes equipos (Leis Pontevedra, Vigo Fútbol sala, Lanzarote ou Noia) vén de ser nomeado presidente do Comité Galego de Fútbol Sala, relevando no cargo ao actual rector da Federación, Pablo Prieto. Mougán actualmente ten tamén responsabilidades políticas como concelleiro da oposición en Redondela e durante o mandato do popular Javier Bas estivera ao fronte da Concellería de Deportes.
A federación de fútbol sala era a encargada de dar a coñecer a noticia salientando a “ampla e dilatada experiencia no mundo do fútbol sala tanto como adestrador, coordinador deportivo, docente e mesmo presidente de club” de Mougán a quen definen como un “apaixonado do 40×20 como así acredita a súa experiencia profesional”. O redondelán, que xa formaba parte da estrutura federativa como responsable de fútbol sala na delegación de Vigo, impartiu maxisterio como adestrador en clubs tanto de categoría autonómica como nacional, chegando a dirixir ao Vigo Fútbol sala, Lanzarote, Noia, Leis Pontevedra ou Redondela, ademais de ser seleccionador galego en categorías inferiores (foi campión de España coa Selección Galega xuvenil). Ademais, Julio Mougán foi distinguido como mellor técnico galego na tempada 2013/2014.
Como docente, o novo máximo responsable do futsal galego tamén é profesor da Escola Galega de Adestradores, relator en varios clínics e director en campus de formación.