Jorge Gómez, oficial retirado da Armada, foi axente do CNI e actualmente é Director Executivo de High strategies consulting, consultora especializada en intelixencia e seguridade. Gómez é natural da parroquia redondelá de Cesantes malia que leva moitos anos fóra. Regresa esta fin de semana a súa vila natal para presentar o libro “Los secretos de la contra inteligencia”, nun acto que terá lugar este venres ás 20:30 horas na Casa da Cultura. Na mesma xornada falará para o público adolescente da desinformación “un dos grandes perigos actuais”.
O autor elixiu Redondela para presentar un libro no que introduce ao lector no concepto da contraintelixencia e a estrutura do servizo da intelixencia en España. Conceptos dos que temos unha imaxe en moitos casos errónea “unha imaxe adulterada debido ao poder do cine e dos libros chegados dende os EEUU e Inglaterra”. Co obxecto de achegar unha imaxe real afastada desa imaxe idealizada que temos dos espías, decidiu escribir un libro comprensible para calquera lector.
Aclara tamén no texto a terminoloxía lembrando que a intelixencia como servizo ten dúas facetas: a ofensiva que é a actividade da obtención de información e a defensiva (a contra intelixencia) que é a protección desa información que busca defender a seguridade nacional doutros actores estranxeiros e neutralizar as ameazas.
Ao seu entender España conta cun servizo de intelixencia que está á altura das necesidades actuais grazas á entrega dos seus recursos humanos “malia que non poida ser comparada en ningún caso con outros servizo de intelixencia como a CIA, o M16 ou o Mossad”. Tamén salienta que no noso caso e, en xeral, na vella Europa hai un límites morais que non se respectan noutros servizos.
Posteriormente, analiza los desafíos actuais e futuros do sector, por exemplo o desafío que supoñen as novas tecnoloxías e a desinformación a través de Internet “algo tremendamente perigoso e cunha gran capacidade de influir sobre a poboación dun xeito moi eficaz”. Un tema que abordará previamente no Instituto cos adolescentes “que son precisamente un dos obxectivos prioritarios das campañas de desinformación”.
Finalmente, Gómez ofrece neste libro un percorrido por casos concretos e leccións aprendidas en operación reais como CRYPTO AG, a redes ECHELON ou Pegasus.