O pasado mes de outubro tres árbores de gran porte eran retiradas da Alameda Castelao logo de que diferentes informes técnicos alertan do mal estado deses exemplares –dous cipreses e un abeto- que presentaban danos severo na súa estrutura, aumentando o risco de colapso e aconsellaba a súa tala. Unha actuación que se amplía agora coa realización de traballos para asegurar as pólas das árbores que aínda permanecen neste espazo.
Esta actuación chega logo de que un informe encargado polo Concello a unha empresa especializada recomendase actuar en varios exemplares para evitar posibles riscos por roturas ou desprendementos. Nunha das árbores, un cedro de case 30 metros de altura, os expertos recomendaron a ancoraxe dalgunhas das ramas con sustentación artificial “unha medida de seguridade que non resulta agresiva para a árbore e que é necesaria tendo en conta que se trata dunha zona de tránsito nun espazo moi concorrido pola cidadanía”. Os traballos, que arrancaron onte, obrigaron a acotar unha zona da alameda.
Noutro dos exemplares, un cedro de gran tamaño, realizarase a descompactación de solo para favorecer a vitalidade da árbore.
A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o obxectivo destes traballos é manter a Alameda de Castelao “nas mellores condicións de conservación, xa que actúa como pulmón verde da zona e espazo de lecer para a veciñanza”. Todas as actuacións que se están a realizar están avaladas por informes técnicos e teñen como finalidade preservar este gran patrimonio natural con todas as garantías de seguridade.