Foto de Seitura, banda gañadora do concurso do ano pasado
O Concurso de Maquetas Millo Verde, un dos eventos máis prestixiosos para as bandas emerxentes en Galicia, chega á súa XVII edición, mantendo o seu compromiso de apoiar e dar visibilidade ao talento musical. Este ano, a edición ofrecerá novas oportunidades para as bandas locais e de fóra da vila de mostrar o seu traballo ante o público.
As bandas que desexen participar deberán enviar as súas propostas ao correo maketas@milloverde.org antes do 4 de marzo de 2025. Entre todas as inscricións, serán seleccionadas dúas bandas finalistas que terán a oportunidade de actuar nun concerto especial o 12 de abril de 2025 na Antiga Feira do Gando de Redondela. O evento contará novamente coa colaboración do colectivo Artelixo.
Poderán participar no concurso grupos e solistas residentes en Galicia que non teñan disco editado por discográficas profesionais. Tamén se admitirán artistas que teñan publicado singles, extended plays ou participado en discos recompilatorios. As propostas poden ser de calquera estilo musical.
As bandas deberán enviar un conxunto de tres cancións de composición propia en formato MP3, xunto cun vídeo ou un enlace ao mesmo, e unha breve reseña biográfica en formato PDF que incluía os datos dos compoñentes, o estilo, a procedencia e os concertos realizados. Tamén é imprescindible incluir o nome, número de teléfono e correo electrónico da persoa de contacto. As propostas deberán ser enviadas ao correo maketas@milloverde.org antes do 4 de marzo de 2025.
As dúas bandas seleccionadas participarán nunha festa-concerto o 12 de abril, na que o público votará ao gañador final. O grupo vencedor recibirá 500 euros e terá a oportunidade de formar parte do cartel do XVII Festival Millo Verde, que se celebrará na praia de Cesantes en Redondela os días 5, 6 e 7 de xuño de 2025. O segundo finalista recibirá 200 euros como premio.
Esta nova edición do Concurso Millo Verde será unha gran oportunidade para que as bandas emerxentes amosen o seu talento nun evento que se consolida como un referente para a música galega.
