Hoxe é Domingo 6 de Abril de 2025

Redondela esixe á Xunta a renovación do convenio para reabrir a mostra de Sargadelos

Expo Sargadelos 0002

O Concello de Redondela leva desde 2022 solicitando a renovación dos convenios de cesión da sala da Casa da Torre, onde se alberga a colección de cerámica de Sargadelos, así como da Praza da Torre e as parcelas O Carballo das Cen Pólas e A Garonda en Reboreda. A alcaldesa, Digna Rivas, denuncia a falta de resposta clara por parte da Xunta de Galicia, a pesar dos reiterados intentos de comunicación e do compromiso adquirido en novembro de 2024 polo director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, quen asegurou que en tres meses os convenios estarían asinados, prazo que xa expirou sen novidades.

A exposición de cerámica de Sargadelos, situada na Casa da Torre, leva pechada desde 2020, sen que a Xunta realizase labores de mantemento nin autorizase ao Concello a facelos. Durante unha visita ás instalacións, o director de Turismo puido comprobar que a colección está en bo estado de conservación, protexida en vitrinas pechadas e con cámaras de vixilancia operativas. A pesar diso, a Axencia de Turismo solicitou información sobre as medidas de seguridade que o Concello ten previsto implantar na sala. En resposta, a alcaldesa lembrou que o convenio orixinal, asinado en 2016 polo anterior goberno do PP, xa establecía unhas condicións de seguridade que seguen vixentes e que ata o de agora foron consideradas suficientes.

O acordo inicial foi asinado en 2016 cunha vixencia de catro anos, expirando en decembro de 2020. Posteriormente, en 2018, formalizouse outro contrato para a cesión das parcelas en Reboreda. Ambos establecían a posibilidade de prórroga, sempre que houbera acordo expreso entre as partes. Desde 2022, o Concello reiterou en numerosas ocasións a súa intención de renovar os convenios, sen obter máis resposta que a indicación de que a renovación estaba pendente de ser tratada polo Consello de Administración do Xacobeo. Non foi ata xullo de 2024 cando o Concello recibiu unha resposta verbal indicando que a renovación estaba autorizada e que en poucos días se enviarían os contratos para a sinatura, algo que nunca chegou a materializarse. En agosto, a Xunta confirmou por escrito que estaba disposta a renovar os acordos nas mesmas condicións, pero tamén indicou que o prazo de vixencia finalizaba en decembro de 2024, algo do que o Concello non tiña constancia.

Ante esta situación, o Concello de Redondela insiste en que está na mellor disposición para asinar a renovación dos convenios e insta á Xunta a cumprir os compromisos adquiridos, garantindo así a recuperación da exposición de Sargadelos e o mantemento dos espazos cedidos. A alcaldesa confía en que a entidade dependente da Xunta concrete oficialmente o acordo e remate coa incerteza que afecta á xestión destes bens municipais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: