A xornada do balonmán feminino en Redondela deixou sentimentos encontrados para os equipos locais. Mentres que o Cíes Obra Civil Balonmán Chapela sufriu unha dura derrota na Primeira Autonómica, As Choqueiras Pastoriza acadaron a súa primeira vitoria na Segunda Autonómica.
Primeira Autonómica feminina: Cíes Obra Civil Balonmán Chapela – AD Carballal (21-27)
O Cíes Obra Civil Balonmán Chapela caeu na casa fronte ao AD Carballal cun resultado de 21-27. O club recoñecía a dificultade do encontro e manifestaba nas redes sociais: “Demasiados erros propios fronte un equipo que non perdoou as súa oportunidades. Toca seguir loitando ata o final para conseguir a permanencia”. Agora, o equipo berete terá que afrontar un importante partido como visitantes contra o BM Xallas na próxima xornada.
Segunda Autonómica feminina: As Choqueiras Pastoriza – Balonmán Tui (38-33)
As Choqueiras Pastoriza acadaron un importante triunfo ante o Balonmán Tui por 38-33. Trátase da primeira vitoria da tempada para as xogadoras redondelás, que suman dous puntos vitais para manter vivas as súa opcións de saír do último posto da clasificación. Agora, o seu obxectivo é superar ao Balonmán Ourense, que tan só conta con dous triunfos no campionato.
A próxima xornada chega cun aliciente especial: un derbi redondelá. As Choqueiras Pastoriza enfrontaranse á SAR Bluenewables no Pavillón Municipal da Bomboneira nun encontro que promete emocións fortes.
División de Honra Prata feminina
A SAR Rodavigo non disputou o seu partido esta xornada debido á retirada do Salud Tenerife da competición. As mozas volverán á acción a primeira fin de semana de marzo, cando se despracen para medirse ao Balonmán Sanse.