O meco deste ano en Redondela fai referencia ás ditaduras e o auxe da ultradereita. Representa ao ditador Francisco Franco xunto ao popular José Luis Ferro quen protagonizou nas últimas semanas unha sonora polémica tras afirmar que “non hai constancia” de que se produciran mortes en San Simón nos anos nos que foi cárcere franquista. Unha imaxe que busca personificar o auxe da ultradereita e a necesidade de queimar as ditaduras e o fascismo. O meco, que xa loce na praza da Constitución, será queimado o martes de Entroido ás 19:00 horas, nunha xornada festiva que será precedida polo tradicional desfile de comparsas do domingo.
O Entroido de Redondela queima este ano as ditaduras e o fascismo, cando se cumpre o 50 aniversario da morte do ditador Francisco Franco. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembra que malia ser o franquismo a etapa máis escura da nosa historia “aínda hai quen a branquea, faltando o respecto ás vítimas e ás súas familias”. O pasado mes de xaneiro o pleno da corporación de Redondela declarou por unanimidade “persoa non grata” a José Luis Ferro Iglesias tras afirmar o deputado popular na cámara galega que “non hai constancia” de que se produciran mortes na illa de San Simón nos anos que foi campo de concentración franquista. Con estas declaracións “actúa como cómplice da ultradereita e insulta á veciñanza de Redondela e ás vítimas”, afirma Rivas.
Unhas declaracións que lle valeron ser un dos protagonista do meco que o vindeiro martes día 4 será pasto das lapas.
Previamente, ás 17.00 horas comezará o Desfile-Concurso de Disfraces individual e colectivo. As inscricións para participar poderán facerse nos soportais do Concello desde as 16.00 e a entrega de premios será ás 18.45 horas. Os máis pequenos terán o seu espazo na Alameda Castelao con diferentes obradoiros desde as 17.00 e ata as 19.30 horas. As rúas contarán con moita animación da man da batucada de Latexo Percusión.
Despois da Queima do Meco do martes de Entroido, prevista para as 19:00 hroas xunto co espectáculo “Pachamama” de Troula Animación, a festa continuará coa música do grupo Hey Hematoma a partir das 20.30 horas, unha banda que fará bailar ao público coas cancións de Siniestro Total na praza da Constitución
