Logo de meses de traballo, durante esta intensa semana preséntanse en diferente concellos cunha proposta divertida e orixinal. Presentan un parque de atraccións onde non faltan o saltamontes, un tren chuchú, un tiovivo, os coches de choque, unha montaña rusa… todo elaborado de forma artesanal por unha formación que leva vinte anos vivindo o Entroido e que formarán parte do desfile de comparsas que este domingo percorrerá o centro da vila a partir das 18:00 horas.
Os Festeiros de Bembrive veñen de facerse co primeiro premio no desfile de comparsas de Soutomaior e este domingo confían en ser tamén unha das formacións premiadas no desfile de Redondela que partirá ás 18:00 horas dende o Campo da Feira e percorrerá as rúas da vila nunha das citas máis salientable do Entroido.
Detrás desta formación están 113 persoas de todas as idades, cativos de tan só un ano ata persoas de máis de setenta. Un grupo de xente que dende o pasado mes de abril comezaron a traballar para poder facer realidade a idade orixinal, elaborando os artiluxios que portan os membros da comparsa, cortando e cosendo os traxes e decorando a carroza que os acompaña. Os premios que logran nos Concellos nos que compiten invístense precisamente en financiar todo o material que necesitan mercar.
“O que queremos é levar a diversión á rúa” explica Enma de Sousa quen engade que outro dos elementos que nunca falta é a música “buscamos que a xente participe con nós e que se divirta, que se sume a nosa festa”.
A comparsa naceu hai xa 20 anos e foi iniciativa da ANPA escolar do Colexio o Mosteiro de Bembrive. Nestas dúas décadas a agrupación foi medrando “hai incluso quen está emigrado e veñen estes días expresamente para participar do Entroido”. De Sousa salienta tamén que hai relevo xeracional porque se foron sumando os fillos e incluso os netos dos fundadores.
Por diante teñen unha intensa semana de actuacións. Este sábado fixéronse co primeiro premio en Soutomaior e confían en repetir éxitos nas próximas citas. “O ano pasado logramos o premio a retranca en Redondela, oxalá poidamos repetir o vindeiro domingo”. Con todo, terán máis oportunidades porque tamén formarán parte do desfile de Tomiño o venres 28, o sábado día 1 estarán en Vigo, o domingo en Redondela e no de Tui estarán o martes de Entroido.


