Circulación lenta e atascos importantes no tramo da N-552 que está a verse afectado polas obras de reparación do firme así como a consolidación do noiro e a mellora da drenaxe. Unha obra que segundo adiantou o subdelegado do goberno Abel Losada, vaise prolongar durante meses e afectará de cheo aos condutores que circulen entre o Alto da Encarnación e a Ponte de Rande.
O Ministerio de transportes iniciou esta semana unhas obras cuxo orzamento chega aos 2,4 millóns de euros e que obrigou a cortar un carril da circulación. Os traballos de reparación desta estrada, moi empregada pola veciñanza que se despraza entre Redondela e Vigo, están a provocar importantes retencións e circulación lenta principalmente nas horas punta.
Para evitar este atasco moitos condutores optan por coller o tramo de autoestrada entre Vigo e Rande o que supón un pago de 1,20 euros.
Eliminar cabinas peaxe
Precisamente e en previsión do que está a acontecer, hai tan só un días o BNG propoñía eliminar as cabinas de peaxe na AP-9 mentres duraran estas obras. A senadora nacionalista Carme da Silva, instaba ao Goberno a garantir alternativas viarias que eviten atascos entre Vigo e Redondela. Actualmente este tramo é gratuíto para aquelas persoas que contan con dispositivos de telepeaxe e que realizan o traxecto de ida e volta na mesma xornada e o BNG reclama que esta gratuidade se faga extensible a toda a veciñanza “especialmente agora e antes os importantes problemas de circulación que provocan as obras na N-552”.
