O atleta Gael Couñago, representante do Club de Atletismo de Redondela (A.D.CAR), será un dos grandes protagonistas esta fin de semana no Campionato de España sub-18 de pista cuberta, que se celebrará no velódromo Lluís Puig de Valencia. Couñago, unha das revelacións da tempada, chega a esta cita coa ambición de loitar polas medallas na proba de salto de altura, tras rexistrar recentemente unha marca de 2.00 metros que o sitúa como un dos favoritos. A Federación Galega de Atletismo non dubidou en definilo na súa páxina web como a “revelación deste ano”, recoñecendo así a súa impresionante progresión.
O mozo redondelán, que deixou moi boas sensacións nos últimos adestramentos e competicións, buscará facer historia para o seu municipio nun evento que reunirá aos mellores atletas sub-18 do país. A súa traxectoria e compromiso co atletismo convérteno nun dos nomes a seguir nesta fin de semana de competición.
Galiza, cunha delegación de talento e ambición
O campionato contará coa participación de 40 atletas galegos, moitos deles con serias opcións de subir ao podio. Entre os destacados na velocidade atópase Aarón Pérez, subcampión de España sub-16 nos 60 metros, mentres que nos 800 metros competirán Javier Picos e Sabela Martínez. Pola súa banda, Sabela Castelo, actual campioa estatal en 3.000 metros na categoría sub-16, aspira a revalidar o título, acompañada nesta distancia por Paula Fernández e Demeku Paniagua.
Outro nome propio é o de Alex Sierpes, de Tomiño, que chega cun récord galego e unha das mellores marcas mundiais do ano nos 3.000 metros. Na proba de 1.500 metros, a medallista de bronce en obstáculos, Debris Paniagua, xunto con Eva Roucol, tamén buscarán destacar.
Especialistas en peso e altura completan o elenco
No lanzamento de peso, Hugo Casañas, plusmarquista galego cun rexistro de 19.61 metros, tentará mellorar a súa propia marca, mentres que a bañense Aitana Capeáns pelexará por facer valer os seus 12.15 metros logrados este mes en Ourense. No salto de altura, ademais de Gael Couña na categoría masculina, a ourensá Iria Solera, cunha marca de 1.74 metros esta tempada, chega co obxectivo de superar o subcampionato de España do ano pasado.