Foto de Patry Rivas
A Federación Galega de Balonmán tomou a decisión de suspender todos os partidos de categoría autonómica previstos para o pasado domingo, 26 de xaneiro, debido á chegada da borrasca Herminia. Por este motivo, o encontro entre a SAR OPmobility e o Granitos Ibérico Carballal, inicialmente aprazado, disputarase finalmente este sábado, 1 de febreiro, ás 20:00 horas no Pavillón Municipal da Bomboneira, en Redondela. Os redondeláns, que ocupan actualmente o terceiro posto da clasificación xeral con 23 puntos —a tan só dous do Poio Artai—, teñen diante unha oportunidade clave: unha vitoria podería revolucionar a táboa e mesmo facelos subir ao podio.
A actividade tamén seguirá nas categorías de base. Este sábado, 1 de marzo, ás 11:30 horas, a SAR Nosatun recibirá na casa o BM Culleredo nun choque correspondente á Liga Ouro Xuvenil Masculina, prometendo emoción no pavillón redondelán.
Máis aló da competición, esta fin de semana terá un significado especial para o balonmán galego. Os clubs da comunidade sumaranse á iniciativa da Federación Galega de Balonmán contra a violencia, lendo un manifesto ao remate de cada xornada. Esta acción chega en resposta ao tráxico falecemento de Andrés Rico, avó dun árbitro, que perdeu a vida tras ser agredido por un pai nas bancadas durante un partido en Sanxenxo. Con este xesto, o balonmán galego busca enviar unha mensaxe contundente de rexeitamento á violencia e de apoio á convivencia no deporte.



