A artista redondelá, expón a súa serie «Ao outro lado da luz» na galería “Mínima Expresión” ata finais de marzo, unha mostra fotográfica que reflicte a súa capacidade de xogar coas sombras e as luces na súa obra. A súa implicación na cultura local vai máis aló da súa faceta como creadora: Ángela é tamén unha das artífices do festival Arte Lixo, onde, un ano máis, será a encargada de xestionar o marketing e as redes sociais, impulsando así a visibilidade e o impacto deste evento que fusiona arte, reciclaxe e conciencia social.
«Ao outro lado da luz» propón unha reflexión profunda sobre os contrastes entre a luz e a escuridade, creando un xogo de imaxes e simbolismos que invita ao espectador a mergullarse nunha exploración da loita interior e da percepción do mundo. Para Ángela Hernández Bouzón, o uso de técnicas analóxicas e a cámara tradicional revisten unha gran importancia, xa que lle permiten falar da impronta da luz e da súa capacidade para deixar marcas no tempo e na memoria.
Angela entende a arte como unha ferramenta de reivindicación e compromiso social. Por iso di sentirse “moi cómoda traballando co colectivo Arte Lixo”. O festival, recoñecido pola súa capacidade de dar visibilidade a novas propostas artísticas e promover o traballo con materiais reciclados, contará coa implicación da artista como responsable das redes sociais e da comunicación do evento.
Este ano a temática do festival está centrada na denuncia medioambiental contra a instalación da macrocelulosa que a Xunta pretende levantar en Palas de Rei, na Ulloa. Como parte deste compromiso, o nome do evento foi modificado para “AltriLixo”, facendo alusión á situación e reforzando o seu posicionamento fronte á problemática ecolóxica.
A implicación activa de Ángela no ámbito artístico de Redondela, tanto na súa vertente creativa como na organización de eventos como Arte Lixo, demostra a súa grande aportación á cultura local e a súa visión de que a arte é unha ferramenta de transformación e cambio social. Podemos ver a súa exposición “Ao outro lado da Luz” ata finais de marzo e o prazo para participar este ano no Arte Lixo remata o día 14 deste mesmo mes.
