A orixinalidade brillou durante o concurso de disfraces cun Aladín subido a unha alfombra voadora que se fixo co segundo premio na categoría de parellas no que resultou vencedor Exército do aire. Un grupo de coches de choque ou unha réplica do edil Roberto Villar subido ao seu vehículo do Concello, fixéronse co primeiro e segundo premio na categoría de grupos. O punto álxido da xornada chegou co prendido do Meco que reduciu a cinzas o franquismo representado nas figuras de Francisco Franco e o deputado popular José Luis Ferro. Un espectáculo de fogos de luces e o concerto do grupo Los Ásperos puxo fin a unha xornada de festa na rúa animada polo bo tempo.
Centos de persoas congregábanse ao redor da Alameda para asistir ao espectáculo de Troula Animación que precedía ao prendido da figura que durante a última semana se puido ver na praza do Concello. “O Caudillo leva 50 anos soterrado, queimemos aos que prefiren branquexar a historia, banalizar o acontecido ou facerse o esquecido”.
Un manifesto na voz de Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” no que houbo referencias concretas ao deputado popular “José Luis Ferro nega que houbera mortes e fusilamentos na Illa de San Simón e por iso hoxe pedimos a súa dimisión, que llo diga as Madriñas e aos veciños e veciñas que axudaron a aqueles presos que alí estiveron recluídos na nosa Illa que foi un campo de concentración franquista”.
E antes de que o meco comezara arder reclamaba o pregón que “o lume ceibe a San Simón de xincanas, festivais ou iogas espirituais, que se respecte a Illa da Memoria e que o lume permita a Redondela seguir defendendo a verdade, a xustiza, os dereitos e a dignidade”.”.
Francisco Franco e o deputado popular José Luis Ferro quedaban reducidos a cinzas ao ritmo da música de Bella Ciao e ao berro de “lume ao meco”. Ao tempo que o meco ardía o espectáculo de fogos de artificio enchía o ceo de luz e cor que facía as delicias de veciños e veciñas de todas as idades que non quixeron perder un ano máis unha das citas máis salientables do Entroido redondelán.
Unha festa que arrancaba xa ao mediodía cos diferentes grupos que acudían as tradicionais comidas do martes do Entroido e que tamén se daban cita no concurso de disfraces co desfile dos participantes diante dos soportais do concello. Un concurso no que participaba unha “réplica do edil de infraestruturas, Roberto Villar, quen se facía co segundo premio na categoría de grupos, no que resultaron vencedores un nutrido conxunto de coches de choque. En parellas vencía o Exército do aire seguido dun Aladín que chegaba sobre a súa alfombra voadora mentres que o premio individual era para Diente León e a Princesa Naira.





