Hoxe é Sábado 15 de Marzo de 2025

Mobilización en Telmo Bernárdez contra a peonalización do casco histórico

non peonalización

A peonalización anunciada polo goberno local afectará as rúas Telmo Bernárdez e Figueiral e suporá a prohibición do tráfico rodado dende a Praza da Constitución ata a Rúa Eidos. Tan só poderán circular pola zona aqueles condutores que residan nas rúas afectadas. A medida provocou un gran rexeitamento entre boa parte dos establecementos que se atopan na zona porque entenden que suporá a morte deses negocios. Por ese motivo colocaron pancartas e carteis contra a medida e solicitaron unha reunión co goberno local o pasado día 4 de marzo sen que polo de agora teñan recibido resposta.

A decisión do concello de restrinxir o tráfico no casco histórico da vila co argumento de que “mellorará a calidade de vida dos veciños e veciñas, fomentará a sustentabilidade e preservará o patrimonio histórico” non é compartida por todos. Moitos dos comercios da contorna da rúa Telmo Bernárdez, que comunica a Praza da Constitución cos Eidos, aseguran que a medida vai ser moi prexudicial e reclaman que o Concello dea marcha atrás neste asunto, froito do pacto de goberno entre PSOE e AER. Así nolo explicaba José Veiga da Tenda da Regueira.

José Veiga

Os negocios afectados critican a “falta de información e improvisación” por parte do goberno xa que a día de hoxe descoñecen, entre outras cuestións, cando se aplicará esta peonalización “polo de agora as sinais colocadas hai xa semanas continúan tapadas”. Aseguran ademais que moitos dos veciños e veciñas de Eidos descoñecen que esta medida lles obrigará a dar a volta pola estrada de Reboreda. Para aclarar estas e outras cuestións xa solicitaron unha reunión cos representantes do goberno.

Temen que a súa clientela busque establecementos alternativos aos que poidan acceder en coche ou que teñan aparcamento nas proximidades. Neste sentido a súa demanda principal pasa porque “primeiro que se creen zonas de estacionamento e logo comezamos a falar da peonalización”.

Dafne Figueroa

Non comparten tampouco a afirmación de Digna Rivas cando fala de que naqueles lugares nos que se fixeron peonalizacións “medran os negocios comerciais e de hostalería” e anuncian que ademais da colocación da pancarta colocada en Telmo Bernárdez e os carteis que se poden ver nun bo número de escaparates da rúa “para deixar claro que estamos en contra da medida” teñen en mente outras iniciativas como a recollida de sinaturas entre a veciñanza da zona, particularmente os que residen nos Eidos “que se van ver directamente afectados”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

  1. Mesmos recursos de defensa que cando a posta do sentido único en Alfonso XII, e agora a ver que o muda.

    Estou dacordo co que di Dafne, os coches chegan e aparcan sen ton nin son. A Policía Local debería visitar mais a zona, pois vaia saraos móntanse as findes buscando o pan na Garina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: