O grupo municipal do PP entende que a falta de información facilitada aos veciños nas actuacións proxectadas en Telmo Bernárdez e na zona do Salgueiral, así como o “nulo interese en buscar acordos” están a espertar unha forte conflitividade e confrontación cidadá que afirman “podería evitarse falando coa xente”.
Os populares salientan que o xerme de toda esta situación, visible nas rúas e nas fiestras das rúas afectadas polas obras con pancartas nun e noutro sentido, débese exclusivamente a que a rexedora local “se agocha e oculta a axenda e as intencións do seu goberno polo temor á contestación social” no marco de decisións tan transcendentais para a vila como son as humanizacións e critican que non busque consensos previos.
Neste senso, o PP considera que en casos como “o das rúas das Cardosas, Salgueiral e Ernestina Otero, cunha semipeonalización orzamentada nun millón de euros, ou o proxectado para Telmo Bernárdez entre a Praza da Constitución e Os Eidos habería que presentar o proxecto á veciñanza con anterioridade á súa execución e recoller as súas suxestións, xa que moitas son viables, outras son pequenas cousas e, ao final, enriquecen o proxecto e melloran a calidade de vida de todos”.
A formación popular tamén estima que posteriormente, e antes do inicio das obras, deberían darse explicacións sobre os prazos, afeccións, restricións e demais aspectos, coas súas posibles medidas correctoras, para que os veciños saiban a que aterse “e non se atopen cos problemas de fronte”. Neste senso, indicaron que, na zona do Salgueiral, hai unha veciña con problemas de mobilidade que ten dificultades para saír da súa vivenda, “que é algo inadmisible e totalmente evitable cun pouco de empatía”.
Por último, o concelleiro popular Javier Bas tamén botou en falta que o bipartito estea a emprender estas obras de humanización, nas que sempre se aplican recortes de tráfico e aparcamento, sen os correspondentes estudos de mobilidade e tráfico das contornas afectadas.