Acusa ao PP de crear confusión entre veciños e comerciantes e nega rotundamente que se vaian eliminar un cento de prazas de aparcamento. En total tan só se suprimen “seis prazas que incumpren a normativa de tráfico”. Nega ademais que se vaia eliminar o aparcadoiro situado debaixo do viaduto “o actual pacto de goberno do bipartito, a proposta de AER, contempla crear unha zona verde neste espazo, pero esa obra estaría supeditada a habilitar antes un terreo alternativo para aparcamento disuasorio”.
A alcaldesa, Digna Rivas, lamenta “a confusión e o malestar” creado aos veciños e comerciantes da zona do Salgueiral, onde se están a realizar obras de humanización e que os levou onte a saír a rúa en protesta ante a eventual eliminacións de prazas de aparcamento. Asegura Rivas que estes traballos supoñen unha nova urbanización nas rúas das Cardosas, Salgueiral e Ernestina Otero e “só van suprimir seis prazas de aparcamento na pasaxe peonil cara Vilavella que incumpren a normativa de tráfico”. Explica que as críticas ao proxecto onde se fala dun cento de prazas de aparcadoiro eliminadas son falsas e asegura que se manterán os estacionamentos na zona comercial entre as rúas Salgueiral e Ernestina Otero.
Aclara tamén que o proxecto de humanización tampouco afecta ao aparcadoiro baixo o viaduto xa que os traballos rematan na rotonda de Ernestina Otero co Paseo da Xunqueira e Prego de Montaos.
Rivas fala de “desinformación mal intencionada” por parte do grupo popular “que só busca crispar á veciñanza e crear malestar” e asegura que todos os detalles do proxecto se lle explicaron aos veciños e veciñas nunha charla informativa en setembro do ano pasado, antes de comezar as obras “charla á que non asistiron os membros do PP”.
A alcaldesa sinala que o obxectivo desta actuación no Salgueiral é “a revitalización dun espazo público deteriorado e que é central na vida da vila” creando unha zona “máis amable e accesible para todas as persoas” cun proxecto que suporá un investimento de case un millón de euros.
Afirma tamén que dende a súa chegada ao goberno local “incrementáronse o número de prazas de aparcamento “o novo aparcadoiro de Vilavella puxo a disposición de veciñanza e visitantes 110 prazas, ademais do aumento de 20 estacionamentos máis no lateral do convento.
En canto ao futuro do estacionamento existente baixo o viaduto, coñecido como o aparcamento de Froiz insiste en que “o actual pacto de goberno do bipartito, a proposta de AER, contempla crear unha zona verde neste espazo, pero esa obra estaría supeditada a habilitar antes un terreo alternativo para aparcamento disuasorio”.