Un libro que completa unha triloxía xunto con Galegas na ciencia e Galegas nas artes que naceron co obxecto de “loitar contra o borrado ao que a sociedade patriarcal somete as mulleres”. Unha escolma de biografías de mulleres galegas dedicadas á música, que abarca dende a primeira xoglaresa ata as máis recoñecidas músicas contemporáneas. Un libro que é, ademais, unha reivindicación da música tradicional galega, que, representada de xeito especial polas cantareiras e pandereteiras, está presente en todas elas. A presentación será este venres 21 ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira.
Uxía Senlle, Cristina Pato, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Sés, Teresa Novoa… son quizais algúns dos nomes máis coñecidos que imos atopar neste libro que supón o peche dunha triloxía iniciada aló polo ano 2018 por Isabel Blanco. Xunto a elas nomes menos populares pero que merecen estar nesta recompilación polo seu importante legado a historia da música galega. Destaca a autora por exemplo que “practicamente todas as cantantes da lírica que aparecen no libro son grandes descoñecidas malia teren actuado en escenarios internacionais”. Rememora entre todas elas nomes como o de Finita Gay “A Martela” ou a pianista e compositora galega Carmen Díez Martín. Mulleres inxustamente esquecidas e que precisan ser reivindicadas.
Para elaborar este texto, Blanco contou coa imprescindible axuda do compositor redondelán Alejo Amoedo. Unha colaboración que lle permitiu traballar nun libro que busca ser divulgativo, didáctico e entretido e do que tamén destaca a súa coidada presentación. Neste sentido destaca a autora as ilustración de María Lapido quen xa se encargara das imaxes das dúas entregas anteriores. Confía a autora en acadar o éxito dos dous títulos previos.
A presentación será este venres ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira nun acto enmarcado dentro da programación do 8M do Concello de Redondela e ademais de Isabel Blanco tamén participará Alejo Amoedo. A música correrá a cargo dun sexteto de saxos do conservatorio Víctor Ureña “Zousaxmas”.