Os fortes refachos de vento provocados pola borrasca Martinho que nas últimas horas está afectando a toda Galicia deixan innumerable incidencias en toda a bisbarra. Contedores arrastrados ao medio da estrada, árbores e polas caídas, cortes no subministro eléctrico… con todo, o incidente máis salientable producíase no municipio de Pazos de Borbén onde o vento arrastrou a cuberta da casa consistorial.
O tellado da Casa do Concello saíu voando a consecuencia das inclemencias meteorolóxicas provocando importantes danos nas inmediacións. Dende o goberno local explican que para garantir a seguridade suspéndese a atención ao público durante o día de hoxe e pídese á veciñanza que eviten achegarse ao edificio xa que existe risco de caída de cascotes.
Esta é a incidencia máis salientable na contorna nunha xornada marcada pola alerta laranxa decretada en toda a provincia de Pontevedra debido a borrasca Martinho que está a deixar refachos de vento de máis de 100 km/h e ondas de 7 metros. Segundo a información de Meteogalicia, a borrasca atópase ao oeste de Fisterra, moi próxima ao litoral galego, o que está a provocar unha xornada de chuvascos intermitentes, forte vento e mar moi axitado. Na provincia son 47 os concellos en alerta laranxa por vento e entre eles atopamos o de Redondela, Soutomaior, Pazos e Fornelos.
En Redondela Martinho tamén se está facendo notar, principalmente polo arrastre de contedores que acaban tirados ou desprazados á vía pública co conseguinte perigo para viandantes e condutores. Tamén se traballa na retirada de pólas e árbores caído en diferentes puntos do concello.
Ante a intensidade do temporal, varias cidades galegas adoptaron medidas de precaución. Na Coruña, Santiago e Lugo, os concellos decidiron pechar temporalmente os seus parques públicos para evitar riscos por caída de árbores ou ramas.
No mar, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta suspendeu toda actividade federada no litoral afectado pola alerta laranxa. Tamén se recomendou revisar amarres e evitar a navegación en embarcacións pequenas, así como extremar as precaucións en paseos marítimos e zonas costeiras expostas á forte ondada.
Previsión meteorolóxica
A influencia de Martinho seguirá afectando a Galicia nas próximas xornadas. Así, hoxe xoves predominarán os ceos con nubes e claros, con chuvascos máis intensos pola noite no sur e oeste de Galicia, ocasionais en Lugo e o norte da Coruña. Espéranse nevadas en zonas altas da comunidade e refachos de vento moi fortes na costa e montaña de Ourense.
Mañá haberá choivas xeneralizadas en toda Galicia, descenso de temperaturas e vento moderado do sur, aínda que con refachos fortes no litoral atlántico. Xa o fin de semana espérase que se manteña a inestabilidade, con chuvascos frecuentes e baixada da cota de neve até os 1.000 metros.

