O Multiúsos da Xunqueira acolle este xoves día 20 ás 18:00 horas unha charla informativa na que baixo o título “Moda con conciencia” falarase do proxecto téxtil de Cáritas que permite, a través dos colectores de recollida de roupa, recuperar e dar unha segunda vida a esas prendas que xa non precisamos ou que están en mal estado. Unha charla para concienciar sobre o impacto da industria da moda e convidar a achegarse a un proxecto solidario que da emprego da 29 persoas vulnerables.
Sensibilizar á poboación sobre o impacto que a industria da moda ten sobre o medio ambiente, xa que a industria textil é altamente contaminante, tanto no proceso de fabricación como despois na xestión das prendas que xa non se utilizan é un dos obxectivos desta chalar, tal e como nos explicaba a coordinadora do proxecto téxtil de Cáritas Maria Luz Jorge, un problema medioambiental que se ten incrementado nos últimos tempos coa implantación da moda “fast fassión” ou moda rápida.
Para tentar contrarrestar todos estes problemas dende Cáritas fomentan unha maior concienciación tanto á hora de mercar a roupa como no momento de desfacernos daquelas prendas que xa non usamos, para que se faga a través de canles axeitadas.
Neste sentido apunta que só nos colectores cos que conta esta entidade en Redondela – colectores de cor vermello- o ano pasado foron quen de reciclar 54.000 kilos de roupa. Malia que só un 12% de todas esas prendas son sometidas a un proceso de hixienización, clasificación e etiquetado para a súa venda nas tendas das que dispón Cáritas, o resto da roupa tamén é aproveitada “tras separar propios de impropios, estes últimos son destinados á industria da automoción ou mesmo da construción”.
Por ese motivo fan un chamamento a toda a veciñanza para que “toda a roupa da que queiran desfacerse, estea en bo ou mal estado” que o depositen neses contedores que serven tamén para dar traballo a un total de 29 persoas en situación de vulnerabilidade.
Na charla desta tarde explicaranse todas esas fórmulas para paliar os efectos negativos da Industria téxtil e as alternativas da reciclaxe a través de organizacións como Cáritas que seleccionan e tratan esta roupa nos seus almacéns e plantas de xestión, para despois comercializala en puntos de venda de roupa de segunda man e sobre todo, para entregarlla gratuitamente a quen o precise, un proxecto de economía circular que ademais serve para crear postos de traballo. Convidan tamén a visitar as súas tendas nas que os clientes atoparán roupa reciclada, alternativa e a un prezo económico.
