O voceiro do BNG, Xoán Carlos González, carga contra o goberno de Digna Rivas por deixar sen executar a maior parte da partida de emerxencia social en 2024. Dos 80.000 euros destinados a axudar ás familias en situación de vulnerabilidade explican que “ executivo local só gastou 7.000 euros” o que ao seu entender “é unha renuncia clara a atender as urxentes necesidades económicas de moitos veciños e veciñas”.
A ordenanza de emerxencia social está pensada para dar unha resposta rápida a familias en risco de exclusión, cubrindo necesidades básicas como o aluguer, os recibos de luz e calefacción, mobles básicos, alimentación ou produtos de hixiene. Por ese motivo, e atendendo a existencia de familias que o están pasando mal no noso concello, os nacionalistas non entenden que se destinase a cubrir esas necesidades unha mínima parte do orzamentos existente.
González, que extraeu os datos da execución provisional de gastos e ingresos de 2024, non dubidou en cualificar a xestión do goberno socialista de “pouco diferente” á dos tempos de Javier Bas e criticou “que un goberno que se di progresista deixe sen executar unha partida tan importante”.
Subliña directamente como un posible causante a falta de campañas informativas para que a cidadanía coñeza estas axudas “a xente ten que saber que, malia o abandono doutras administracións como a Xunta ou o Estado, o Concello ten recursos para paliar situacións de extrema gravidade”, engadiu.
