Hoxe é Domingo 23 de Marzo de 2025

Os vestiarios en ruínas do campo de Santa Mariña terán unha esperada reforma

IMG20250320182425_01

Foto da Presidenta do CD Choco, Virginia Ricón ensinando o estado da lavandería.

Os vestiarios do Campo Municipal de Santa Mariña, en Redondela, atópanse nun estado lamentable tras 50 anos de uso sen apenas mantemento, converténdose nunha urxente prioridade para o Club Deportivo Choco e a súa afección. O proxecto de mellora, financiado pola Deputación de Pontevedra cun orzamento de 275.000 euros  chega para poñer fin a esta situación crítica.

As goteiras que filtran auga polo tellado, a humidade que impregna paredes e fai case imposible o seu uso, e unhas instalacións obsoletas con baños deteriorados, grifería avariada e enchufes en mal estado complican o día a día dos xogadores e a comodidade das numerosas visitas. Para os xogadores da canteira —con rapaces e rapazas que brillan na Selección Galega—, do primeiro equipo en Preferente e do Xuvenil que compite en División de Honra a nivel nacional, cambiarse ou prepararse para un partido é unha proba de resistencia. E para as familias, afeccionados e rivais que chegan de toda Galicia e España, o recibimento é tan frío como as pingueiras que caen do teito.

Tras anos de súplicas desde a directiva do CD Choco, cunha voz incansable como a da súa presidenta, Virginia Ricón, chega unha luz ao final do túnel: un proxecto de 275.000 euros, financiado pola Deputación de Pontevedra, promete devolverlle a dignidade a este recuncho de Redondela. “Levamos tempo pedindo isto; é unha necesidade que non admite espera”, confesa Ricón cunha mestura de alivio e urxencia. O primeiro paso será claro: tapar esas goteiras que converten os vestiarios nunha piscina improvisada, seguida da substitución de sanitarios, fontanería e carpintaría, incluíndo pavimento antiescorregadizo, xanelas e portas novas.

“A mallor necesidade é arranxar o tellado”, Virginia Ricón”.

Tamén se impermeabilizará a cuberta, mellorarase a contorna exterior con beirarrúas renovadas, teitos pintados e accesos mellorados, e realizarase un recheo e asfaltado na parte posterior e lateral. A obra abarcará aseos, lavabos, a sala de fisioterapia, a lavandaría, a sala de caldeiras, o local social e o almacén, todo nun estado que hoxe dificulta o simple feito de cambiarse ou preparar un partido.

“Entra auga na lavandería e estropeanse o material e equipaxes”, Virginia Ricón.

O proxecto non só busca rescatar os vestiarios, senón tamén modernizar o campo coa instalación de iluminación LED nos campos de fútbol e nas pistas de tenis anexas. Os focos actuais, tan vellos como as propias instalacións, serán substituídos por tecnoloxía eficiente que permitirá aforrar máis de 30.000 euros anuais na factura eléctrica. Este cambio aliviará as arcas municipais e dará un respiro a unhas instalacións que levan décadas pedindo unha actualización.

“Os focos cambiaranse nos dous campos”, Virginia Ricón.

A actuación está financiada a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, dotado con 8 millóns de euros. A noticia tomou forma nunha visita recente, cando a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, pisou o terreo acompañada da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, os concelleiros de Deportes e Urbanismo, Iván Valles e Antonio Cabaleiro, e o concelleiro do PP, Javier Bas.

Rivas, que detallou as obras ante a responsable provincial, recoñeceu que “os vestiarios están moi deteriorados polo uso e o paso do tempo”, unha evidencia que calquera usuario pode comprobar ao pisar as instalacións. Pola súa banda, a Presidenta da Deputación subliñou na súa visita que este arranxo é unha “clara necesidade”.

Luisa Sánchez.

Cando as obras rematen, o Campo de Santa Mariña deixará de ser un lugar onde a humidade e as goteiras rouban o protagonismo. Volverá ser un fogar para o CD Choco, un espazo onde os xogadores poidan sentirse orgullosos, onde as visitas non teñan que esquivar charcos, e onde a afección atope un motivo máis para aplaudir. Porque tras 50 anos de loita silenciosa, estas instalacións non só piden unha reforma: merecen un renacer.

“Unhas humidades que fan necesario este proxecto”, Luisa Sánchez.

Compromiso co deporte local

A alcaldesa Rivas destacou que esta reforma encaixa na estratexia municipal de modernización enerxética, que xa renovou a iluminación de cinco pavillóns municipais (cun aforro de 15.000 euros anuais) e substituíu 1.700 farois en camiños parroquiais. “O obxectivo é seguir modernizando todo o alumeado público”, asegurou. Mentres, Sánchez aproveitou para anunciar novas convocatorias de axudas este mes para clubs que compiten a nivel estatal e en categorías inferiores, xunto a unha liña de crédito para financiar materiais e servizos deportivos. “Queremos apoiar o deporte en todas as súas dimensións”, remarcou a vicepresidenta.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: