Hoxe é Xoves 27 de Marzo de 2025

David Lago, o talento de Redondela que representará a Galicia nas olimpíadas nacionais de Informática e Física

WhatsApp Image 2025-03-24 at 18.54.44

David Lago Alonso, un mozo de 16 anos de Redondela e alumno de 1º de Bacharelato no IES Pedro Floriani, será a bandeira de Galicia na Olimpíada Informática Española e na Olimpíada Española de Física tras arrasar nas probas autonómicas celebradas en Santiago. Coa vista posta nas fases nacionais, este talento emerxente prepárase para competir do 4 ao 6 de abril na proba de informática, que terá lugar na Coruña, e o 11 de abril en Valencia, onde defenderá as cores galegas na competición de física xunto á UVigo. Por se fose pouco, David tamén se fixo cunha mención de honra nas Olimpíadas de Matemáticas, aínda que este ano non logrou o pase á fase nacional.

David non é un novato nestes desafíos. “Síntome moi orgulloso porque o nivel era alto, máis propio de 2º de Bacharelato, e aínda estou nun curso anterior”, conta mentres reflexiona sobre as probas autonómicas. Na competición de informática, tivo tres horas para resolver oito problemas utilizando unha linguaxe de programación á súa elección. “Eu fixen catro”, explica cun ton que mestura humildade e satisfacción. “Non se trata só de resolver unha fórmula, senón de pensar, razoar e aplicar a lóxica a situacións reais”.

“Participaron ao redor de 25 persoas en cada proba autonómica”, David Lago.

A informática, a física e as matemáticas danse a man no seu día a día, e el recoñéceo cunha naturalidade sorprendente: “Gústanme porque están relacionadas; se teño que escoller, quedo coas ciencias numéricas”. Aínda que o futuro segue sendo unha incógnita para este rapaz de 16 anos, hai algo que ten claro: a investigación é o que o enche. “É pronto para decidir que carreira ou grao farei, pero gustaríame tirar por aí”, di, deixando entrever que o seu camiño está aínda por escribirse.

“Hai centos de cousas e a vida da moitas voltas”, David Lago.

David non só vive entre libros e pantallas. “Fago atletismo no CAR e xogo ao fútbol no CD Cesantes”, di cun brillo nos ollos. Para el, o deporte non é só unha forma de desconectar, senón unha necesidade: “É posible compatibilizar todo, e sobre todo é importante para manterte san”. E se hai unha anécdota que resume o seu ritmo trepidante, é esta: o mesmo día que gañou a olimpíada autonómica de informática en Santiago, tivo que coller o coche cos seus pais e saír correndo cara a Ourense para competir no Campionato Galego de Pista Cuberta nos 800 metros. Resultado? Un admirable cuarto posto. “Agradezo moito aos meus pais o esforzo que fan cos desprazamentos e o apoio en todo o que fago”, di con gratitude.

´”O mesmo día que tiña a proba de iformática tiña tamén campionato galego de atletismo”, David Lago.

Con dúas olimpíadas nacionais no horizonte, a motivación de David non se centra nos premios. “O nivel é altísimo e a sorte tamén xoga o seu papel, pero vou coa idea de pasalo ben”, asegura. Máis que trofeos, busca vivir a experiencia e “facer amigos”. Non será a súa primeira aventura deste tipo e xa tivo algunha máis longa: o ano pasado, cando cursaba a ESO, viaxou a Tailandia co equipo “Os Raios de Redondela” —xunto a Carla Acosta e Rubén Lago, do IES Illa de San Simón— e voltaron cunha medalla de bronce da Olimpíada Científica Internacional en Bangkok. “Aquilo foi intenso, isto será especial doutra forma”, compara.

“Pódese competir e pasalo ben”, David Lago.

Inspiración e consellos para os novos talentos

A inspiración, para David, non vén dunha figura concreta; admira a quen usa a programación ou a física para resolver problemas reais. E cando se lle pide un consello para os rapaces da súa idade que queiran mergullarse no mundo da programación, non dubida: “Practicar é o fundamental. Os tutoriais axudan, pero aprendes facendo proxectos, aínda que non saian perfectos ao principio”. El preparouse con LeetCode, unha plataforma de problemas de codificación, e coa web oficial da olimpíada. “Dediqueime con máis ganas as últimas dúas semanas”, confesa, recomendando tamén youtubers como @Matesmike e @3Blue1Brown para matemáticas, ou @QuantumFracture  para física. Engade un guiño ao programa de ESTALMAT-Galicia (Estimulación do Talento Matemático) no que cursou tres anos: “É para rapaces de 6º de Primaria ou 1º da ESO; moitos da miña promoción están agora nas olimpíadas e o considero unha ilusionante e boa preparación”.

“Si te gusta deberías indagar e aprender”, David Lago.

David ten unha visión crítica sobre o sistema universitario e de investigación en España, especialmente na rama científica. “Devería ser máis intuitivo, enganchar aos rapaces e rapazas e aproveitar o seu interese en lugar de desaproveitalo”, apunta cun ton firme. Para el, o enfoque actual afasta o potencial dos mozos, e a falta de financiamento na investigación é unha barreira que lle preocupa. “Nestes momentos non está ben financiada, e iso limita moito”, sentencia, deixando claro que o seu amor polas ciencias vai acompañado dun desexo de cambio.

“As ciencias e sobre todo as matemáticas están mal promovidas”, David Lago.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: