Os populares repaldan aos veciños e pídenlle ao Concello que defenda este ben patrimonial e inclúan este miliario como punto de deslinde entre Redondela e Mos no Plan Xeral.
O grupo popular amosa o seu apoio aos aos veciños de Vilar de Infesta ante o seu malestar polo desenvolvemento, por parte do Concello de Mos, dun proxecto de iluminación e posta en valor do emblemático Miliario Romano de Vilar – Santiaguiño, xa que os populares tamén entenden, en base ás demandas veciñais e a documentación existente, que este ben patrimonial é de titularidade compartida entre ambos termos, posto que é o que marca os respectivos límites territoriais.
Ante esta situación, presentarán unha moción de urxencia para o pleno do próximo xoves na que solicitarán ao Concello que adopte as medidas oportunas para a defensa deste ben histórico.
Entre as propostas dos populares figurarán a inclusión do miliario no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que actualmente está en tramitación e que, polo momento, non recolle este fito romano, xa que sosteñen que, aínda que o planeamento non serve para definir os lindes entre concellos -unha competencia do Instituto Geográfico Nacional (IGN)-, serviría para situarse na mesma situación que Mos, que si o ten catalogado no seu plan urbanístico.
O voceiro popular, Javier Bas, lembrou que nas actas territoriais dos anos corenta xa aparece recollido este elementos como pertencente aos dous concellos sinalandos o límite entre ambos “e incluso se lle denomina como “Mojón 21” na separación entre ambos municipios”.
Expediente de deslinde con Mos
Por outra banda, o concelleiro popular recalcou que, neste asunto, todos os grupos da corporación de Redondela deben actuar con unidade de acción, pero tamén lamentou que o goberno bipartito de Digna Rivas leve oito meses sen realizar nin unha soa xestión no que se refire ao expediente de deslinde con Mos malia que “no pleno do pasado 23 de xullo aprobouse por unanimidade a posta en marcha desta iniciativa”.