Fotos de Patry Rivas
O Pavillón Pablo Herbello de Bueu converteuse, o pasado domingo, no escenario dunha batalla deportiva que deixou sen alento aos afeccionados do balonmán galego. Alí, o equipo infantil feminino do SAR Rodavigo, dirixido por Xeili Fervenza, chegou cunha misión clara: selar unha tempada impecable e coroarse campioas da Liga Ouro. Ás 16:30, as xogadoras de Redondela enfrontáronse ao Bueu Atlético Balonmán nun duelo que prometía ser épico, cunha vantaxe de 9 goles a favor traída do partido de ida. Pero o destino tiña outros plans. O encontro rematou cun marcador de 33-23 a favor das locais, que non só superaron a diferenza, senón que arrebataron o título ao SAR por un gol no cómputo global, facendo valer o desempate nos duelos directos tras unha igualdade a puntos na clasificación.
A pesar da derrota, Xeili Fervenza non dubidou en destacar o valor da experiencia. Reflexionando sobre o partido, a adestradora recoñeceu que foi “un deses días nos que todo o que podía saír mal, saíu“. Desde fallos en defensa ata un ataque que non atopou o seu ritmo, pasando por un xogo psicolóxico que se viu afectado polo exceso de confianza que traían, o equipo non logrou manter a cabeza fría. “Perdemos o título por un gol, cunha diferenza de 10 neste partido cando con 9 teriamos abondo. Pero sacamos moito aprendizaxe”, comentou, facendo fincapé no crecemento que supón este revés para as súas xogadoras.
O ambiente no pavillón tampouco pasou desapercibido. Cheo ata a bandeira, a SAR mobilizara á súa afección para apoiar ao equipo infantil. “Había moito ambiente”, recordou Xeili, sinalando como ese fervor puido influír nas súas xogadoras, aínda que non como escusa, senón como parte dun escenario que puxo a proba a súa fortaleza mental.

A pesar do resultado, a tempada do SAR Rodavigo foi excepcional. Invictas durante 17 xornadas, con 34 puntos que as mantiveron no máis alto da clasificación, as mozas de Redondela chegaron a Bueu coa moral nas nubes. E aínda que o título escapoulles, o segundo posto na Liga Ouro garántelles unha praza directa no Sector Nacional de maio, unha competición que Xeily encara con optimismo. “Moitas delas xa participaron o ano pasado, quedando terceiras no seu sector e 26 de España. Para algunhas será a primeira vez, e tamén contamos co apoio do Infantil B, que este ano terá a súa oportunidade”, explicou. Este equipo B, por certo, logrou proclamarse campión da Liga Prata, un éxito que engade brillo á canteira do club.
Entre os aspectos positivos do último partido, Xeily destacou a unión do equipo. “Vin ás xogadoras máis unidas que nunca, apoiándose e con ganas de resarcirse. Esta experiencia ensínanos que hai que saír loitando desde o segundo un, que ás veces é mellor ir de menos a máis en lugar de liderar sempre”, reflexionou. Para ela, o camiño non foi só das xogadoras. “Nesta etapa aprendín moitísimo con elas, débolles moito“, admitiu, emocionada ao recordar que este partido marcaba o fin dun ciclo. Tras anos adestrándoas desde pequenas, agora fará relevo, unha práctica habitual no balonmán, deixando un legado de esforzo e paixón. “Queriamos rematar no máis alto, como despedida, pero aínda estamos centradas no Sector Nacional”, engadiu.
De cara a ese próximo reto, o Sector Nacional preséntase como unha fase eliminatoria clave no balonmán infantil español, onde os mellores equipos de cada rexión loitan por un posto na gran final nacional. As xogadoras do SAR, incluídas estrelas como as tres Danielas e a porteira Karla —que este ano brillaron coa Selección Galega quedando terceiras no CESA—, terán a oportunidade de demostrar o seu potencial. “Son rapazas que levan traballando moito tempo e que poden conseguir o que queiran. Nótaselles que lles gusta o balonmán”, subliñou Xeily, confiando en que esta derrota non as deteña, senón que as impulse.

O SAR Rodavigo pecha unha tempada brillante cun sabor agridoce, pero cun futuro prometedor por diante. A decepción do domingo non empaña o orgullo dunha campaña na que deron o mellor de si, e agora, coas miras postas en maio, o equipo prepárase para escribir un novo capítulo na súa historia.
